28 de maio de 2006

SUPLEMENTO CULTURAS DE LA VOZ DE GALICIA

O xornal la Voz de Galicia costa o mesmo en Madrid que en Galicia.
Os que o mercamos temos o mesmo interese en todas as súas novas.
O Suplemento do xoves do Faro pódese ler, así como outros.
Se o prezo é o mesmo, ¿por que en Madrid non se pode ler o Suplemento Culturas dos sábados da Voz de Galicia?

26 de maio de 2006

DIA DAS LETRAS PARA MARIA MARIÑO

Pola súa obra poética e pola relación desta noiesa coa miña terra do Courel, sería unha boa nova que o vindeiro Día das Letras Galegas fose adicado a Maria Mariño. Non creo que aconteza, debido ás polémicas de todos coñecidas que cobren cun aquel de sospeita a súa obra. Polémicas falsas, segundo a xente que a coñeceu.
Moitos comentan tamén os merecementos de Lois Pereiro. Sen dúbida. Estiven, hai anos, na presentación en Monforte de Lemos do seu último libro, póstumo, Poesía última de amor e enfermidade, no que falaron Manuel Rivas, Manuel María, e o editor, Fernán Vello, nun fermoso acto de lembranza do poeta. Pola escrita de Pereiro entraron aires de modernidade na poesía galega. Unha poesía doorosa, ferinte. Lembro a súa figura solitaria a camiñar polas rúas de Monforte nos meus anos de estudante na vila do Cabe, sen decatarme de que, cabo de min, pasaba un poeta excepcional.

22 de maio de 2006

CERTAME NARRACIÓNS BREVES MANUEL MURGUIA

O día 20 estiven en Arteixo para recoller o premio do XV Certame de Narracións Breves Manuel Murguía.
Coma sempre, foi unha xornada entrañable e fermosa, na compaña do xuri e dos autores galardoados nos tres anos anteriores cuxos relatos se recollen no volume Contos da Baiuca que comezarei xa a ler.
Prantamos unha árbore e deseguido celebrouse o acto de entrega do premio, co abraio de poder escoitar a voz de Estíbaliz Espinosa, unha fermosísima voz que nos cautivou totalmente.
Mando unha forte aperta desde aquí a todos os que axudaron a que a entrega do premio fose tan ben e, especialmente, a Quique Rabunhal, alma do premio, xeneroso e humilde erudito das nosas letras e amigo.

17 de maio de 2006

FEIRA DO LIBRO

Estou desexando que chegue o día. Sobor de todo, por ver as novidades que a Consellería de Cultura vai aportar este ano á Feira madrileña. Agardaremos polo programa de actos, presentacións e sinaturas. Xa irei contando.

8 de maio de 2006

TEORÍA DO CAOS OU O MUNDO SEGUNDO AUSTER

Librei por centímetros. Puxen o pé na beirarúa e andei ata a porta do enderezo que tiña por destino, e dous metros máis adiante, un coche descontrolado esnafrouse contra a parede do edificio. Non me esmagou por eses dous metros, a distancia entre saír ileso ou pasar á posterioridade e sen un fermoso cadaleito, precisamente.
Deume daquela por pensar que invisible fío foi turrando de min para retrasar a miña saída. Por que xusto cando ía saír da casa chamaron por teléfono (a publicidade), por que non obviei o semáforo cando o fago decote, por que me demorei atravesando o parque (acababa de chover, gosto do recendo da terra mollada), por que parei para ver unha foto nunha marquesina da parada do autobús (outra vez a publicidade), un fío que me fixo poñer o pé dous metros antes dunha morte sen sentido. Tamén pensei que invisible fío empurrou ao conductor do coche para non coincidir comigo, por que non o retrasou un semáforo, ou un atasco, uns cativos ou un vello a cruzar polo paso de cebra...
Hai sete anos, xusto na mesma data e camiño de Galicia, entrei demasiado rápido nunha volta da estrada branquísima de saraiba. Derrubeime dando voltas de campá monte abaixo interminables metros, ata que, co coche esnaquizado, parei xusto nunha árbore, a única árbore que había. Se non tivese parado alí, abríase un precipicio picafondo ata o río de máis de cen metros. Parei. O coche esnaquizado, e só o meu habitáculo intacto. Nin unha rabuñadela. Xusto na mesma data.