18 de junho de 2009

SUPRESION SERVIZO CULTURA DA CRTVG

COMUNICADO CONXUNTO DA ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA, A FEDERACIÓN DE LIBREIROS DE GALICIA E A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORES SOBRE A SUPRESIÓN DO SERVIZO DE CULTURA DA CRTVG.
Queremos manifestar a nosa fonda preocupación pola decisión tomada pola nova directiva da CRTVG segundo a cal fica suprimido o Servizo de Cultura, creado en 2005. A inmediata suspensión do único programa da televisión pública galega centrado na divulgación e coñecemento da literatura do noso país énchenos de incerteza, así como a consecuente falta de visibilización dos escritores e escritoras en lingua galega e das novidades da produción editorial que poden ser atopadas nas librarías galegas. Esta primeira toma de decisión con respecto ao programa sobre libros da TVG prodúcenos moita preocupación con respecto ao futuro da programación cultural da televisión e da radio públicas.Lamentamos profundamente a celeridade e contundencia do actual goberno galego en executar as medidas máis involucionistas posíbeis a respecto do noso idioma, arroupadas pola hostilidade, o estatismo e a inacción promovidos por outras áreas, como é a de Educación, promotora da inmediata derrogación do decreto 124/07, a de Presidencia, coa modificación do artigo 35 da Lei da función pública que elimina a obriga de realizar en galego como mínimo unha proba nos procesos selectivos de acceso á Administración autonómica.Lembramos a este respecto as obrigas contraídas pola CRTVG en aplicación do artigo 16 da Lei 9/1984 da CRTVG: “A programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galega”.
17 de xuño de 2009