29 de outubro de 2006

TITULAR RECHAMANTE

As raíces da dobre moral.
O catedrático galego narra os intentos dos abades para tratar de prohibir a sodomía cos animais do clero.
A isto chámaselle un bo titular, Maré, si señor. Podemos xogar ao que xogaban nun programa de Telecinco cos titulares dos xornais. Supoño que o xornalista quere dicir que os abades tentaban prohibir a sodomía do clero cos animais, e non a sodomía cos animais do clero. Aínda que calquera sabe...

26 de outubro de 2006

NOVELAS DE 120 FOLLAS

Escoitando pola internet o outro día unha das tertulias do Consello da Cultura, comentaba Dolores Vilavedra a pouca extensión das novelas que se publicaban ultimamente en galego, fronte a outras novelas en castelán de longa extensión e gran acollida, e que 120 páxinas lle sabían a pouco. A min tamén me saben a pouco e coincido con ela.
Non podemos escribir novelas de trescentas páxinas? Ou de seiscentas, como o libro de Murakami que estou a ler? Isto, claro, salvando as setecentas do última novela de Manuel Rivas.
Por exemplo, veño de mercar na Galería Sargadelos da rúa Zurbano, que me queda preto do traballo, a última novela de Francisco Castro, Spam, que devezo por ler, xa que disfrutei dabonda con Xeración Perdida. Teño que dicir que esperaba unha novela máis longa e que quedei algo decepcionado polas súas 120 páxinas. Xa sei que a extensión non ten que ver coa calidade e hai moitos exemplos disto, pero que queren que lles diga, agardaba máis literatura dun autor que sigo con interese, tendo en conta, ademais, as bases do premio que gañou, que coido falan dun mínimo de 150 páxinas para presentar unha obra. Tamén sei que non é o mesmo unha páxina dun libro que a dun folio presentado a concurso, pero semella que neste caso o presentado a concurso se estirou bastante. E moito ollo, que ninguén colla isto por onde non se debe. O que pasa é que devezo por ler máis dos autores que me parecen bos, só iso.

9 de outubro de 2006

EXEMPLO ILUSTRATIVO

No último número da revista Que Leer pódese apreciar a diferencia entre o tratamento da literatura en lingua catalana e a literatura na nosa lingua.
Dúas páxinas cumpridas para Cataluña, e menos de media páxina para Galicia.
¿Somos peores escritores que os catalanes?

21 de setembro de 2006

ATENDER Á NATUREZA

Coa chegada do último furacán a México, unha muller salvou de morrer afogados ós veciños grazas ás formigas. Observou como as formigas fuxían en fileira cos ovos nas mandíbulas buscando un lugar alto, lonxe do formigueiro do chan. A muller avisou ós veciños da vila e todos poideron fuxir antes da chegada das inundacións.

Está claro que atender á natureza salvoulles a vida. Estamos esquecendo este tipo de avisos da natureza, estamos esquecendo o xeito de interpretalos. E interpretalos a tempo pode salvar vidas.

15 de setembro de 2006

DESCRÉDITO DO ARGUMENTO

Uno de los rasgos más lamentables de la literatura actual es el descrédito del argumento, el desinterés o incapacidad de los autores para plantear unha historia que sea mínimamente original. ¿Qué ha ocurrido para que la invención literaria haya caído en desuso? ¿Por qué ya no hay grandes argumentos? Miguel Dalmau. Revista Qué Leer.

15 de junho de 2006

TRADUCCION AO CASTELAN DO BRINDO DE OURO

Hoxe recibín unha boa nova. Logo de varios meses de esforzos encamiñados a buscar unha editorial que me publicase en castelán o meu libro O Brindo de Ouro, no que levei algunha doorosa decepción, chegoume un correo electrónico no que me confirman a publicación en castelán do Brindo nunha das principais editorias de LIX en castelán. De momento omitirei os demais datos, por se se torce a cousa. Estou ledo.

10 de junho de 2006

HANDKE TAMÉN REXEITA UN PREMIO

Santiago Jaureguizar comenta no seu blog a renuncia dun escritor a un importante premio das letras portuguesas. Hoxe leo tamén que Peter Handke ven de rexeitar o premio Heinrich Heine pola súa obra. A concesión deste premio foi moi criticada, dadas as opinións sobre Serbia e Milosevic de Handke, o cal asistiu ao enterro do ex presidente e tomou nel a palabra.
¿Que opinan vostedes sobre o tan coñecido tema da vida/obra do escritor? ¿Concordan vostedes co que dicía Henry Miller de que pouco importaba que un escritor fracasara como home se triunfaba como escritor? Opinen, por favor.

28 de maio de 2006

SUPLEMENTO CULTURAS DE LA VOZ DE GALICIA

O xornal la Voz de Galicia costa o mesmo en Madrid que en Galicia.
Os que o mercamos temos o mesmo interese en todas as súas novas.
O Suplemento do xoves do Faro pódese ler, así como outros.
Se o prezo é o mesmo, ¿por que en Madrid non se pode ler o Suplemento Culturas dos sábados da Voz de Galicia?

26 de maio de 2006

DIA DAS LETRAS PARA MARIA MARIÑO

Pola súa obra poética e pola relación desta noiesa coa miña terra do Courel, sería unha boa nova que o vindeiro Día das Letras Galegas fose adicado a Maria Mariño. Non creo que aconteza, debido ás polémicas de todos coñecidas que cobren cun aquel de sospeita a súa obra. Polémicas falsas, segundo a xente que a coñeceu.
Moitos comentan tamén os merecementos de Lois Pereiro. Sen dúbida. Estiven, hai anos, na presentación en Monforte de Lemos do seu último libro, póstumo, Poesía última de amor e enfermidade, no que falaron Manuel Rivas, Manuel María, e o editor, Fernán Vello, nun fermoso acto de lembranza do poeta. Pola escrita de Pereiro entraron aires de modernidade na poesía galega. Unha poesía doorosa, ferinte. Lembro a súa figura solitaria a camiñar polas rúas de Monforte nos meus anos de estudante na vila do Cabe, sen decatarme de que, cabo de min, pasaba un poeta excepcional.