9 de outubro de 2009

HERTA MÜLLER EN GALEGO

Practicamente todos os xornais, e non só os galegos, recollen a existencia da edición en galego dun libro da última premio nobel. Debo recoñecer que isto estame a producir unha grande satisfacción.

Desde logo, hai que felicitar a Xerais por este acerto. Hai poucas traduccións de Herta Müller a outras linguas do Estado, e que estea en galego antes que noutras linguas economicamente máis poderosas, é para estar contentos. Penso que debería ser a principal liña á hora de traducir obras doutras linguas á lingua de noso. O sentido da anticipación, da descuberta de autores, debería primar, ao meu ver, na política de traducción galega. Se isto o complementamos despois con clásicos, mellor que mellor.

Penso que isto debería de facer reflexionar a algúns en canto á pertinencia da súa política de reducción de axudas á traducción. Porque estas axudas tamén poden dar o seu froito en sentido inverso. ¿Por que non, algún día, unha boa nova dalgún autor galego neste sentido? Menos palabras baleiras, e máis axudas para que a boa literatura doutras linguas poda lerse en galego, e para que a literatura galega poda lerse fóra de Galicia.

HERTA EN TERRAS BAIXAS

Son unha escritora alemana porque escribo en alemán.

31 de agosto de 2009

SEGUE A DESFEITA

A operación de desmantelamento dos servicios públicos no Courel segue o seu curso. A especial protección que as zonas de montaña deben ter por esixencia legal é novamente ignorada. Como sigan así, nuns anos conseguirán expulsar á xente da Serra e xa terán vía libre para os seus negocios.

30 de agosto de 2009

UP

Non direi, como moitos afirman, que, no cine e hoxe en día, a imaxinación, a creatividade e as mellores historias están só nas películas para cativos. Supoño que lonxe dos circuitos "oficiais" existirá creatividade dabondo. Agora ben, había tempo que non disfrutaba dunha película, en xeral, como disfrutei vendo UP. Película de emocións, de sentimentos, de amor, tristeza e soidade, amizade e esperanza; técnica e visualmente impresionante. Hai detalles que nos lembran outras películas, e os cinco primeiros minutos de UP poderían compararse coa xenial presentación que fai Spielberg do seu protagonista nos primeiros compases dunha das súas mellores películas. Vendo UP, un decátase da falsidade das clasificacións, e de que só hai historias ben ou mal contadas. Para min, desde logo, UP está magnificamente contada.