12 de maio de 2008

TRES DE CEN

Comenta Brétemas un artigo de Anxo Lorenzo no que se fala do "pacto lingüístico" e nas características que ten segundo Lorenzo. Nun párrafo fala do principio de individualidade: que cadaquén utilice a lingua da súa preferencia nas comunicacións non institucionalizadas.
Aparte das políticas que se leven a cabo ó redor da lingua, é aquí onde, ó meu parecer, se está a perder a "batalla". Por pouco ou moito que poida facer a Administración, ela non pode obrigarlle a un pai a falarlle galego ó seu fillo.
Eu crieime sen televisión en galego, sen prensa en galego (gustaríame saber cántos xornais publicarían artigos en galego se desaparecese a subvención), e case sen ensino en galego. Na familia, sempre fomos e seguimos a ser galegofalantes. Meus avós faláronlle ós meus pais en galego, e eles a nós en galego. E cos amigos sempre falabamos en galego, aínda que logo houbese ensino en castelán e con libros de texto en castelán, televisión en castelán, universidade en castelán, etc.
Hai días estiven en institutos galegos, e ó facer a Pregunta a mozos e mozas de doce, trece, catorce anos: ¿Cántos falades galego habitualmente entre vós? A resposta foi contundente nos dous institutos: de uns CEN que había no salón de actos en cada instituto, levantaron a man TRES.
Se, entre outros, as parellas que teñen fillos e están na franxa de idade entre trinta e cincuenta anos, non lle falan en galego ós fillos e conservan esa cadea de transmisión, non hai nada que facer. Que non se lea en galego xa non sei se será algo perdido, mais, polo menos, que non deixe de falarse.

Sem comentários: