19 de março de 2009

NOITE DE REIS

O martes 17 de marzo fun ver ao Centro Dramático Galego no Círculo de Bellas Artes de Madrid. Representaban Noite de Reis, de W. Shakespeare, semella que de moda ultimamente, en versión e dirección de Quico Cadaval. Encantoume. Divertidísima, ben interpretada malia a sinxeleza do escenario. Puro traballo actoral. E, coma a min, a todos cantos viron a obra, bastantes, que aplaudiron con forza o traballo do elenco actoral, a moi bo nivel en xeral, destacando, na miña opinión nada especializada, o traballo de Víctor Mosqueira como Festas (o tío canta, baila e o que lle boten), o de Marcos Orsi como Malvolio (gargallada pura o seu intento de sorrir) e Xan Cejudo como André. Malia o seu curto papel, gustoume tamén o traballo de Borja Fernández. Moito galego no Círculo esa tarde, algúns ben coñecidos e populares.
A obra, unha reflexión sobre o amor e a estupidez, pescudando con intelixencia na importancia dos sentimentos tanto no home coma na muller, conservando con acerto o xogo isabelino do equívoco entre sexos, que aínda segue ben vixente.
Magnífica a iniciativa da Mostra de Teatro das Autonomías, que permite aos que ficamos aquén do Padornelo poder disfrutar do mellor teatro que se fai en Galicia. E noraboa a Quico Cadaval, que tamén presenta nesta Mostra outra das súas obras: OBRA (NO COMENT), interpretada por Borja Fernández, Marcos Orsi e Víctor Mosqueira.
Para rematar, quedo cunha frase de Malvolio: Ser ou non ser, é cuestión de sorte...

Sem comentários: