28 de março de 2011

O BEBEDOR DE RAKIA / CRÍTICAS II

O bebedor de rakia. Xesús Manuel Marcos. Xerais, Vigo, 2011, 174 páxs.
Crítica de Manuel Rodríguez Alonso, aparecida no seu blog Bouvard e Pécuchet.
OS MONICREQUES DA GUERRA.
O cine, as series de televisión ou mesmo os telexornais e as reportaxes televisivas adoitan presentarnos os soldados que participan nas chamadas “misións de paz” como novos heroes das fazañas bélicas que liamos na nosa infancia, mais a realidade destes heroes contemporáneos non deixa moitas veces de ser un capítulo máis da realidade deformada que moitas veces ofrecen os medios de comunicación. Esta novela volve pórnos en contacto coa dureza da guerra e coas consecuencias desta sobre as persoas que participan nelas, que nada teñen que ver coa visión rosa que dan os telexornais das devanditas “misións de paz”.
O protagonista da novela de X.M. Marcos é un soldado profesional sen graduación, que participa na misión de paz do exército español na antiga Iugoslavia durante sete meses de 1992. O relato das vicisitudes do soldado Alberte Ferreiro artículase en dous bloques narrativos que van alternando ao longo de todo o texto. O primeiro bloque narrativo está formado polo relato do propio protagonista que lembra a súa vida, especialmente a de soldado profesional, nas horas que pasa detido no calabozo do xulgado antes de pasar á disposición do xuíz por agredir, nun caso claro de violencia de xénero, a súa muller. O protagonista diríxese nun longo monólogo á súa irmá Branca, que ás veces parece estar presente na sala de visitas do xulgado e sentada fronte ao irman e outras ausente, fisicamente, mais sempre presente na mente de Alberte e que, de todos os xeitos, o agarda na sala de espera dos xulgados tras viaxar en autobús toda a noite para axudalo nesta nova peripecia da súa vida, a agresión machista contra a súa dona Chelo. No segundo bloque un narrador en terceira persoa conta os feitos, mais desde a perspectiva da irmá de Alberte, Branca, que agarda que o irmán saia en liberdade condicional despois da celebración dun xuízo rápido. Neste caso, a evolución de Alberte e o acto que o leva aos calabozos son vistos desde a perspectiva da irmá, por máis que se empregue no relato un narrador omnisciente. A través da testemuña de Alberte, nese soliloquio-diálogo coa irmá, deséñase a figura dun mozo que chegou ata o alcolismo e mesmo a agredir violentamente a súa muller Chelo, diante da súa filla Sara. Mais xa nas primeiras páxinas o novelista, con grande mestría, abre unha expectativa no lector cando Alberte sinala que todo isto non é cousa de agora, senón que todo comezou un día de agosto de hai quince anos, en 1992, cando estaba destinado na devandita “misión de paz” de Iugoslavia. Desde aquel día nin sequera sabe o que é durmir e só resiste grazas ás xenerosas doses de rakia (unha forte augardente iugoslava) ou de calquera outra bebida alcóholica que cae nas súas mans. O relato en terceira persoa, que alterna coa testemuña de Alberte, céntrase na figura de Alberte non como soldado, senón como maltratador e axente da violencia de xénero. Se Alberte, no seu monólogo, trata de exculpar o seu comportamento violento como consecuencia da guerra e da experiencia traumática que o levou ao alcoholismo, o certo é que neste relato en terceira persoa a perspectiva dos feitos é outra. Alberte é un rapaz violento desde a adolescencia, machista e que repite o comportamento de maltratador do seu propio pai. De aí que sexa un acerto esta alternancia dos dous bloques narrativos, mesmo marcados no texto cunha tipografía diferente. A través do monólogo-diálogo coa irmá de Alberte asistimos, como xa indicamos, á súa peripecia como soldado profesional. Isto dálle pé ao autor para presentarnos unha visión descarnada da guerra na antiga Iugoslavia e para desmitificar a actuación dos soldados nas chamadas eufemisticamente “misións de paz”. Descubrimos que o que acabou por desequilibrar totalmente a Alberte foi que matou un pobre adolescente iugoslavo que tomou por un perigoso combatente. A descrición que se fai da actuación e forma de vida dos soldados das misións de paz é tamén tremendamente dura, totalmente desmitificadora, como xa dixemos, destas guerras modernas, que agora se chaman eufemisticamente misións de paz. A min lémbrame a dureza dunha novela célebre sobre a guerra de África do primeiro terzo do século XX: Imán, de R. J. Sender. Despois de lermos esta novela de Xesús Manuel Marcos, xa ninguén poderá dicir que as “misións de paz” non son guerra pura e dura. Pola contra, o relato en terceira persoa, desde a perspectiva da irmá, presenta a cara do Alberte maltratador. Susana, unha antiga novia de Alberte xa o deixou porque lle tiña medo, e agora Chelo, a súa muller, vai sufrir o seu ataque. Como xa dixemos esta disposición en dous bloques da novela é un acerto, así como a redución temporal, pois tanto Alberte como o narrador omnisciente refán a vida de Alberte no tempo en que este permanece no calabozo, que non chega ás vinte e catro horas. No monólogo-diálogo de Alberte ocupan o maior espazo os sete meses que pasou no 92 en Iugoslavia. Quince anos despois, nesas horas de calabozo, lembra esa experiencia e tamén anacos da súa vida. No relato omnisciente, como xa dixemos, todo se dirixe a explicar como se foi fraguando o maltratador Alberte. No remate da novela conflúen ambas as liñas, pois Alberte reconstrúe o proceso de agresión á súa muller Chelo. Cómpre ler as malas desculpas de maltratador que ofrece Alberte. Mais esta exculpación da violenica de xénero que nos tenta coar Alberte non coincide coa visión do narrador omnisciente, que fala desde a perspectiva da irmá Branca. En canto á lingua, chama a atención a aparición de hiperenxebrismos ou formas non normativas como gomitar, gómito, submariña (páx. 41), anguria (páx. 43), outo (páx. 61), chiculate (páx. 68). Non faltan castelanismos como cubo (páx. 29), timados (páx. 40), afrenta (páx. 58), amanecendo (páx. 60), zarpar (páx. 63), roce (páx. 81), tambaleándose (páx. 91). Mesmo aparecen castelanismos morfolóxicos como tremaba (páx. 94). Abúsase do CD de persoa con a, ao xeito castelán, e ata pasa ao CD que non designa persoa: escoltando a un camión (páx. 158). No emprego dos pronomes átonos tamén se advirte a influencia do castelán en expresións como Non era capaz de mirarlle aos ollos (páx. 133), Nin se me pasara pola cabeza (páx. 38) ou a indistinción llo/llelo: levarlla aos demais (páx. 86). Con todo, no aspecto da lingua, cómpre salientar a boa recreación que se fai do rexistro propio do exército.
Xa que logo, boa novela, cunha estrutura moi axeitada para presentar o dobre tema da guerra, desmitificando as chamadas “misións de paz”, e o do maltrato de xénero. Recomendamos a súa lectura. Resulta así mesmo moi apropiada para utilizala nos centros de Secundaria e Bacharelato, non só pola súa calidade literaria, senón tamén polos dous temas que trata, de xeito que é moi aproveitable non só nas clases de Lingua, senón tamén en Historia, Filosofía ou Cidadanía. Pensemos, ademais, que nas nosas clases de Lingua temos que pór os rapaces coa literatura que agora se está a facer e non virá mal nas clases de Secundaria e Bacharelato dedicar espazos de tempo para falar das novidades. Só así formaremos futuros lectores e concienciaremos os rapaces de que a literatura é algo vivo e actual e non só un repertorio de figuras históricas ou panteón de ilustres.
Manuel Rodríguez Alonso

Sem comentários: