23 de fevereiro de 2007

CANTEIRAS

O DESCONFORTADO: LINGUA E ECOLOXÍA

Verbo de montes perdidos, e de faltas lingüísticas, o das canteiras nos montes do Courel. Aí si que tiñamos poñerlle dentes á linguaxe. No galego de Londres utilizase a expresión: "síntome desconfortado". Sucede que despois da época do Dinosauro e do cambio de goberno, pasouse a unha especie de período de Confort. E a min esa preguiza democrática déixame desconfortado. Se hai unha prioridade lingüística, é a da defensa da natureza, das xentes e as cousas que esa lingua nomea. A sorte da lingua galega radica nesa imbricación ecolóxica coa sorte da terra. Na historia da lingua está a historia da paisaxe e do pobo. A lingua contén as pegadas que os seres humanos deixan no chan. A caligrafía coas curvas do desexo e as liñas quebradas da dor. Tamén a historia de cadaquén. O noso corpo é unha caixa de tipógrafo. As leis son importantes, mais as linguas xermolan, escintilan de novo, na utilidade esencial de nomear a festa e a ferida, a pulsión erótica e a pulsión da morte. Cando somos quen de que se adiante a expresar as crises e os conxuros. O malestar e a esperanza. Por iso, os manifestos copulativos deberían acudir os primeiros, coas verbas de urxencia, ás canteiras ilegais no corazón do Courel.

MANUEL RIVAS.

Por suposto, comparto plenamente as palabras de Rivas.

18 de fevereiro de 2007

MESTRES DO CÓMIC

Ademais de novelas e libros de relatos, gosto dos cómics.

Un dos meus autores favoritos é Luis Royo. Os seus debuxos transpórtanme a lugares fantásticos onde calquera cousa pode acontecer.

Ando a buscar un debuxante de cómics para desenrolar varias ideas. Alguén se anima?

6 de fevereiro de 2007

LOUBANZA DOS TRADUTORES

Comentaba Javier Marías hai uns días a precariedade na que traballan os tradutores, e o empeoramento das condicións dos mesmos polos cambios dos que seguramente terán ouvido falar.
Comentaba que, en algures, ata se fai unha poxa á baixa e o que ofrece mellor prezo queda co traballo.
Moito me parece que, se xa o traballo de tradutor é un traballo mal pagado, agora a calidade das traduccións decaerá considerablemente. É unha mágoa, porque ás veces hai traduccións que son case "miragres". E penso, por exemplo, no que supón traducir algunha obra de Joyce.
Espero que o pulo que está a mostrar a traducción en galego conleve unha merecida e decente retribución e recoñecemento a un traballo de verdadeira dificultade.
Non estaría mal ter en conta o exemplo francés: quen ofrece un prezo pola traducción moi baixo, é rexeitado automaticamente, pois saben o que iso supón: unha menor calidade. Unha peor literatura.

SUXEITO, VERBO E PREDICADO

A literatura debería ser algo máis. Non lles parece?

14 de janeiro de 2007

NEVE

Se queren disfrutar da neve que non cae ou se derrete a moreas noutros lugares, veñan polo Courel. Foto de Luz.

OBRIGA CURIOSA

A Comunidade de Madrid decidiu o ano pasado que os que aprobasen as oposicións para Técnicos Superiores de Administración Xeral, as máis difíciles, debían pasar unha proba no posterior curso selectivo que consistía na lectura e estudio en profundidade dunha obra literaria. Seleccionaron a oito escritores: Sánchez Dragó, Gustavo Bueno, Savater, Daniel Innerarity, Gregorio Salvador, Angeles Caso, García de Cortázar e Ramón Tamames. Logo de aprobar a oposición, hai un curso selectivo no que debe lerse unha obra destes autores e hai que pasar unha entrevista sobre esta obra. Que vos parece esta forma de seleccionar funcionarios, tendo en conta que se non se pasa a entrevista sobre o libro en cuestión pérdese a posibilidade de que te nomeen funcionario? Que opinades sobre os autores seleccionados?

3 de janeiro de 2007

A MAXIA DO SOUTO

Fermoso Souto no castañal, no Courel. Onde a maxia pode ocultarse tras de calquer castiñeiro.

29 de dezembro de 2006

BO NADAL E FELIZ 2007

LOCUTORIO

Saín do Metro, de volta do traballo, e pasei preto dun locutorio.
Alí estaba ela, fitando para a rúa.
Cravou en min os seus ollos. Falaba por teléfono. E choraba.
Era moura. Era fermosa. Era estranxeira.
Quen non o é neste lugar?

3 de dezembro de 2006

UNHA NOVELA É...

As novelas son trama, estrutura, personaxes e ritmo.
Vale.
Entre outras cousas.
E a lingua?
Digo eu que un escritor terá algún interese pola lingua.
Polo menos, penso eu que debería telo.
E non me refiro a simples erros derivados do descuido, cada vez máis estendido.
E digo un escritor, non esa chorrada de un novelista.
Onde deixamos a Joyce, ou a Beckett, ou a tantos outros?