18 de outubro de 2007

12 de outubro de 2007

FALARLLES EN GALEGO

Non deixa de resultar paradóxico que eu, en Madrid, fale cos meus sempre en galego, que lle fale ás miñas fillas en galego, que elas o entendan, o falen, o lean, e que, sobre todo a maior, que ten trece anos, cando chega a Galicia e se lle acercan os mozos, tanto ten que sexan da Coruña ou de Lugo, o fagan falándolle en castelán, aínda que ela lles fale en galego. Quen pasee unha tarde polas rúas de Lugo, poñamos pola do Progreso, por poñer un exemplo, e falo de Lugo, xa non me poño con Vigo ou a Coruña, e escoite aos adolescentes sentados nas terrazas dos bares, verá que non falan en galego. Moito me temo que esta xa é unha batalla perdida.

9 de outubro de 2007

A LÚA DOS EVERGLADES

Á fin teño nas mans a miña última novela. Transcribo o texto da contracapa:
Antón, Dosinda, e Luís, os Quintelo, tres velliños gallegos, que foran propietarios da panadaría A Primavera, aparecen asasinados na súa casa de Primeira Xunta 780, no barrio bonaerense Belgrano. O xove funcionario e escritor Andrés Leiro amiga con Manuel Eiras, un seu veciño xubilado que vive aparentemente só en Madrid dende hai varias décadas. A lúa escintilaba por riba dos Everglades, cando Aurora, que regresaba encabuxada e medosa de limpar unhas oficinas, é atacada na Down Town de Miami … A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos é unha novela de intriga na que amodiño van converxendo, baixo a banda sonora dos temas dos Tamara, tres historias moi emocionantes de amores e rancores, aparentemente sen vencello entre elas, dos membros dunha familia de emigrantes galegos espallada polo mundo. Tres historias de saudades, tres relatos de exilios sentimentais escritos cunha prosa punxente e inusualmente fermosa. Unha emocionantísima novela sobre a emigración galega, gañadora do Premio Terra de Melide 2007.
Espero que lles guste. O vindeiro 27 de outubro presentarémola en Melide.

4 de outubro de 2007

MELANCOLÍA

Unha tarde de outono, xa hai anos, paseando por Santiago, atopei a Novoneyra pola rúa. Comezamos a falar e transmitiume a súa melancolía por non poder estar no Courel polo castañal, quizais a estación, e niso coincidimos daquela, máis fermosa nos outos cumes. Agora, tanto tempo despois, comprendo o seu pesar por non poder estar alí polo castañal, sentindo o bombo a dar voltas riba do lume, bebendo o viño novo, enchendo os ollos da cor das follas.

27 de setembro de 2007

25 de setembro de 2007

NOVOS VALORES

Hai novas que non deixan de sorprender. Seguro que algún colega a quen cabrean moito estas cousas está que se sobe polas paredes. E non me estraña!

MAPAS

Acaso é mellor improvisar, pensa, acaso o único que ten sentido é improvisar.
Alejandro Zambra.

1 de setembro de 2007

O SILENCIO BRANCO

Moi pouco se dixeron: os homes do norte aprenden axiña da futilidade das palabras e do valor inestimable dos feitos.
* * * *
Si, a xuventude era Némesis, a deusa da vinganza. Destruía aos vellos sen decatarse que ao facelo destruíase a si mesma. Porque a xuventude era sempre moza; só envellecía a vellez.
* * * *
Mentras que sentado no seu recuncho miraba a través do ring ao seu contrincante, ocorreuselle que a suma da súa experiencia e a da xuventude de Saudel darían como resultado un campión de pesos pesados. Aí estaba o problema. Saudel xamais sería un campión mundial. Faltáballe experiencia, e a única forma de adquirila era pagándoa coa súa xuventude, pero cando tivese esa experiencia, xa sería vello.
* *
JACK LONDON. O SILENCIO BRANCO E OUTROS RELATOS.
Unha das miñas lecturas deste verán. Un gran libro.