11 de outubro de 2008

A UNED E HEITOR MERA

Hai uns días lía a nova de que na Universidade de Santiago ían comezar a dar, coma proxecto piloto, unha clase de Dereito Civil en inglés. Non lin ningún comentario negativo sobor disto, o cal me parece natural, aínda que, polo visto, e a algunha pasada polémica con algún prestixioso intelectual me remito, non é o mesmo cando hai quen tenta dar asignaturas nesa mesma Universidade, ou noutras, en galego. Supoño que só os estudantes estarán en desacordo con esta asignatura en inglés, dada a nosa histórica eiva no coñecemento doutras linguas. Como antigo alumno de Dereito en Compostela, aínda lembro os comentarios despectivos de moitos estudantes cando algún profesor nos daba a súa clase en galego (lembro, por exemplo, as clases de Dereito Internacional Público).

Agora, entérome, abraiado, desta nova, e súmome ás reaccións doutros blogueiros en contra desta decisión dunha universidade pública. Semella que avanzamos, pero seguimos en moitas cousas, entre elas na cuestión do emprego do galego na universidade, coma hai unha chea de anos.

Esperemos que cambien esta decisión. Ogallá a Cultura galega vaia deixando de ser, dunha vez, a Cultura do Furancho.

8 de outubro de 2008

PALABRAS

PALABRAS

As palabras lévaas o vento, din. Falar por falar, comentan. Non estou seguro de que as palabras as leve o vento, de que falar por falar non acabe tendo consecuencias. Porque agora ninguén me dirixe a palabra. Todos me miran mal., fuxen de min coma dun apestado.
Primeiro foi o daquel can no inverno. Pasei cabo da casa do Xaquín e o seu pastor alemán saíu e ladroume. Tiven que liscar para que non me mordese. ¡Menudo susto me meteu! ¡Lobos te coman!, díxenlle. Ao cabo duns días, no bar, entereime de que unha manda de lobos famentos percorrera a vila pola noite fuxindo das neves dos cumes. Do can do Xaquín só apareceu un anaco da correa e o colar coa chapa.
No verán, chamei a Pedro, o electricista, para que me puxese un contador da luz novo. O moi ladrón cobroume todo o día, aínda que só lle levou dúas horas. ¡Se te queimase unha chispa!, díxenlle. Días máis tarde, unha treboada colleu a Pedro arranxando un transformador. Unha descarga deixouno pegado aos cables, totalmente carbonizado.
Agora todos me evitan. Retiráronme a palabra. É por culpa do sacristán, que se foi da lingua. Entrei na igrexa para preguntarlle ao cura canto me ía cobrar pola misa de cabodano do meu pai. Pediume unha cantidade esaxerada e como non a tiña non puiden celebrar a misa. Coido que os veciños se están a xuntar para buscar ao cura. Falan dun estraño cheiro na Casa Rectoral. Como se o tragase a terra. Míranme mal. Todo porque o sacristán escoitou o que lle dixen ao cura, ese cobizoso que cobra polas misas e máis polo seu traballo na oficina de emprego. ¿Que lle dixen? Díxenlle: ¡Que te leve o demo!

7 de outubro de 2008

A SOAS NUNHA HABITACIÓN

PAUL AUSTER: "HE PASADO MI VIDA A SOLAS EN UNA HABITACIÓN".

Desde logo, ás veces é para pararse a pensar.

3 de outubro de 2008

PARA MARTIN PAWLEY

"... pero recuerdo lo difícil que fue para mí, cuando era niño, leer libros serios; dos esferas de oscuridad me separaban de ellos. Casi toda mi vida imaginativa estaba en el cine. Todo allí estaba lejos, pero al mismo tiempo todo en ese curioso mundo operístico era accesible. Era un arte verdaderamente universal. No creo que exagero cuando digo que sin el Hollywood de las décadas de 1930 y 1940, espiritualmente habría estado bastante menesteroso. No puedo omitir esto de mi recuento de lectura y escritura. Y ahora debo preguntarme si el talento que alguna vez se invertía en la literatura imaginativa no se encontraba en este siglo en los primeros cincuenta años de la gloriosa cinematografía".
Leer e escribir.
V. S. Naipaul.

VOLVE O OUTONO

Volve o outono, a estación máis fermosa na miña terra.

HIPOCRISÍA

Todos falan da bondade dos que deixan de estar aquí, aínda que non todos o merecesen e algúns carecesen totalmente dela. Ninguén di o contrario, aínda que sexa a pura verdade. Por iso gusto dos autores que desenmascaran este costume, esta mentira tan extendida, unha máis entre tantas. E por iso releo moitas veces un dos relatos que máis me gustan de cantos se escribiron por un dos mellores escritores que ten dado a literatura: A Morta, de Guy de Maupassant, publicado aló polo 1887. Asistimos á desesperación dun namorado que perde á súa amada e vaga sen rumbo. Á fin, volve a París, alí onde morreu o seu amor. Unha noite, nun arrebato de loucura, vai ao cemiterio na súa busca. Abraiado, contempla como os mortos comezan a saír das súas tumbas, e a borrar o que está escrito nas lápidas por familiares ou amigos, para poñer eles mesmos a verdade do que foi a súa vida. O protagonista do relato de Maupassant achégase xunto da tumba da súa idealizada amada, onde antes el escribira na lápida: Amou, foi amada, morreu. A morta borra isto e pon: Tendo saído un día para engañar ao seu amante, arrefriou por mor da chuvia, e morreu.

18 de setembro de 2008

A FORZA DAS MINORÍAS

Porque é hora de reclamar esa forza. Coméntame o meu admirado Xosé A. Neira Cruz que anda sen alento coa preparación do encontro do 2010. Seguro que a organización é un éxito e poderán comezar a desaparecer algúns complexos e prexuízos sobre esa literatura á que algúns chaman con menosprezo Literatura IBBY e que non é máis ca literatura (e da mellor que se fai no país).

13 de setembro de 2008

LECTURAS

Este verán foi pródigo en lecturas. Caeron Unha soidade demasiado ruidosa, de Hrabal, Ruído, relatos de guerra, de Murado, Arte e parte, de Borrazás, A marabillosa vida breve de Óscar Wao, de Junot Díaz, e parte de Fillos da medianoite, de Salman Rushdie.

Algúns libros xa viñan con moito retraso, e unha das obras é novidade nas librarías: A maravillosa vida breve de Óscar Wao, do dominicano Junot Díaz. Pareceume unha novela magnífica. Ten certa dificultade de lectura para poder captar todos os seus matices, debido á variedade de referentes culturais que incorpora, principalmente da literatura mal chamada fantástica (Tolkien, Herbert, ata Lovecraft), do mundo da novela gráfica, cine, televisión, etc. Mais, a narración do acontecer da saga dos Cabral, tanto pola banda dominicana como pola norteamericana, está maxistralmente conseguida, cunha estrutura espazo-temporal propia dun reloxo suízo. Unha escrita desenfadada, áxil, anovadora, turra da lectura e lévanos da man ata a fin da novela nun suspiro, malia os terribles acontecementos nos que se mergulla, nada máis e nada menos que os anos da dictadura de Trujillo. Unha novela recomendable da que haberá que aprender.