14 de janeiro de 2007

NEVE

Se queren disfrutar da neve que non cae ou se derrete a moreas noutros lugares, veñan polo Courel. Foto de Luz.

OBRIGA CURIOSA

A Comunidade de Madrid decidiu o ano pasado que os que aprobasen as oposicións para Técnicos Superiores de Administración Xeral, as máis difíciles, debían pasar unha proba no posterior curso selectivo que consistía na lectura e estudio en profundidade dunha obra literaria. Seleccionaron a oito escritores: Sánchez Dragó, Gustavo Bueno, Savater, Daniel Innerarity, Gregorio Salvador, Angeles Caso, García de Cortázar e Ramón Tamames. Logo de aprobar a oposición, hai un curso selectivo no que debe lerse unha obra destes autores e hai que pasar unha entrevista sobre esta obra. Que vos parece esta forma de seleccionar funcionarios, tendo en conta que se non se pasa a entrevista sobre o libro en cuestión pérdese a posibilidade de que te nomeen funcionario? Que opinades sobre os autores seleccionados?

3 de janeiro de 2007

A MAXIA DO SOUTO

Fermoso Souto no castañal, no Courel. Onde a maxia pode ocultarse tras de calquer castiñeiro.

29 de dezembro de 2006

BO NADAL E FELIZ 2007

LOCUTORIO

Saín do Metro, de volta do traballo, e pasei preto dun locutorio.
Alí estaba ela, fitando para a rúa.
Cravou en min os seus ollos. Falaba por teléfono. E choraba.
Era moura. Era fermosa. Era estranxeira.
Quen non o é neste lugar?

3 de dezembro de 2006

UNHA NOVELA É...

As novelas son trama, estrutura, personaxes e ritmo.
Vale.
Entre outras cousas.
E a lingua?
Digo eu que un escritor terá algún interese pola lingua.
Polo menos, penso eu que debería telo.
E non me refiro a simples erros derivados do descuido, cada vez máis estendido.
E digo un escritor, non esa chorrada de un novelista.
Onde deixamos a Joyce, ou a Beckett, ou a tantos outros?

27 de novembro de 2006

XII FESTIVAL GOSPEL & NEGRO SPIRITUALS

Coma todos os anos, toca asistir ao festival de gospel e espirituais negros que organiza o Concello de Madrid.
Este ano, para abrir boca, verei como cantan dos do mississippi e se seguen tan en forma como a primeira vez que os vin. Logo, verei como queda o gospel coa steel guitar.

LECTURAS PENDENTES

Logo de rematar novela, amontóanse as lecturas pendentes. A algunha xa comecei a meterlle o dente. Entre outras, agardan por min:
Corredores de Sombra, de Fernández Paz.
A sombra descalza, de An Alfaya.
Spam, de Francisco Castro.
A triloxía de novelas de Samuel Beckett (Molloy, Malone morre e O innombrable). Xa comecei con Molloy, que vexo con ledicia que xa se pode ler en galego.
Neve, de Pamuk.
A muller xusta, de Sándor Marai.
Tamén toca a relectura dun dos meus libros de cabeceira, tres relatos xuntiños de Melville nunha edición de Cátedra ( o Bartleby, Benito Cereno e Bily Budd).

13 de novembro de 2006

PUNTO FINAL

Logo dun ano de traballo, de loxística, notas e escritura, veño de rematar unha novela.
Estou ledo, coa satisfacción do deber cumprido. Distraeume de outros compromisos nos que estaba metido, e agora repousa no caixón, coas palabras a voar aínda coma po no aire do cuarto. Hai que deixar que ese po asente antes dunha nova lectura.
Agora, uns días tranquilos, novo caderno de tapas duras, novos rotuladores azul e vermello, e outra vez a loxística, a superación de atrancos, a dura conquista do cume que resiste con unllas e dentes.
Entre as cousas que pagan a pena, esta é unha delas.

29 de outubro de 2006

TITULAR RECHAMANTE

As raíces da dobre moral.
O catedrático galego narra os intentos dos abades para tratar de prohibir a sodomía cos animais do clero.
A isto chámaselle un bo titular, Maré, si señor. Podemos xogar ao que xogaban nun programa de Telecinco cos titulares dos xornais. Supoño que o xornalista quere dicir que os abades tentaban prohibir a sodomía do clero cos animais, e non a sodomía cos animais do clero. Aínda que calquera sabe...