11 de março de 2010

OBRA DE FANTASÍA DE GRANDE ALTURA

Xesús Manuel Marcos gañaba no ano 2004 o premio Merlín de literatura infantil e xuvenil coa obra O Brindo de Ouro I. A Chamada do Brindo, que ao ano seguinte recibía tamén o premio internacional The White Ravens. En marzo de 2006 Xesús Manuel Marcos estrea o seu blog Abellonenia, no que utiliza como pseudónimo Oluego (sóalles?) e onde avanza parte do primeiro capítulo desta segunda entrega da serie, pero aínda que hai que agardar tres anos máis, a calidade da obra ben paga a pena a espera. Mais este tempo non foi terreo ermo para o autor, que cultivou a novela e o relato con exitoso resultado. Momento prolífico para un escritor que vén de publicar a novela de intriga O esconxurador en Galaxia e que está a piques de presentar en Xerais O bebedor de rakia, protagonizada por un soldado galego en Bosnia.
Seguimos neste volume a historia do adolescente heroe Selmo, gardián do Brindo de Ouro, e do seu pobo os arxinas. Acompáñano Lombán (o lobo albino),o alobri Toimil, Oulego (o home salgueiro) e un mundo de personaxes lendarias (estrañas mulleres, animais extraordinarios...) que entroncan na súa natureza coa nosa tradición oral e coa “Galicia encantada” de Cunqueiro e Xosé Miranda. Os seus nomes de sonoridades evocadoras (Ildara, Morgaza, Oulego, Arvexa, Martul...) contribúen á creación dunha atmosfera atemporal e enigmática que fai crible a fantasía, e queda unha engaiolada de personaxes como as Barxas decididoras de todo canto acontece nas aldeas, durante longo tempo ocultadas mentres reciben o mestrado da sabedoría e da xustiza para ben administrar a vida dos arxinas.
E o libro é tamén unha novela de acción e aventuras, pero aínda que non pasase nada xustificaríase a súa existencia sópor ter a oportunidade de vivir a paisaxe recreada. Como manifesta o autor, o espazo do Brindo nace como un trasunto do Courel para logo medrar de maneira independente ata ser autónomo e contribúe a lle dar esa autonomía ao mundo da novela no sentido Tolkiano de mundo mitolóxico cunha entidade propia “real”. A obra entronca tamén coa xeografía da paisaxe oteriana, coa vivencia da paisaxe do de Trasalba. Épor istoque lugares como a Devesa da Rogueira, Abellonenia, Mogoxe, as Veigas de Valdavaraou o Pico de Brío xa teñen pasado a formar parte da nosa xeografía fantástica común.
En canto á interpretación global, como xa ben sinalou Montse Pena Presas en LG3, o camiño dos protagonistas adolescentes non é senón unha metáfora do“camiñar de toda unha colectividade”, unha metáfora de nós mesmos no noso avanzar como pobo e onde Selmo tamén sente a presión da responsabilidade na súa condición de bardo guieiro. Este volume vén de ser declarado obra finalista para os premios 2010 da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) na categoría de literatura infantil e xuvenil. Unha convocatoria que este ano se presenta bastante discutida, pois a colleita de 2009 foi moi boa, e nela vai ter que competir coas Ás de Bolboreta de Rosa Aneiros e con Agustín Fernández Paz, que desta volta está nominado dobremente por Lúa do Senegal e por Valados, haberá que agardar ata a Cea das Letras do 17 de abril.
O libro catívanos en toda as súas páxinas e ao rematar, co comezo dese inverno aberto ao amor e á aventura onde se singulariza a soidade do heroe devécese esa terceira entrega xa no forno. Non desaproveiten a oportunidade de ler esta Táboa da Hospitalidade, unha obra de fantasía de grande altura “para aqueles que gustan das historias fermosas”. Pilar Ponte.
Este texto de Pilar Ponte foi publicado en «Faro da Cultura», suplemento de Faro de Vigo, o xoves 11 de marzo de 2010.

Sem comentários: