18 de abril de 2010

EPOPEA DE AR CLÁSICO

Epopea de ar clásico. Recomendábel exemplo de literatura épica con Tolkien de fondo. “Canta, oh deusa, a có­lera do Pelida Aqui­les, cólera funesta que causou infini­tos males aos aqueos...”. Con estas palabras dá comezo a épica narrati­va, polo menos aquela que chegou a nós, e con ela a realización do desexo do ser humano de facer do relato ins­trumento de consolidación da me­moria do seu paso polo mundo. Así, cando os soños se fan realidade e as lembranzas son pegadas que os po­bos deixan, na literatura os destinos dos pobos tórnanse historia. A Xesús Manuel Marcos, o escritor courelán afincado alimentariamente en Madrid, tíralle de xeito irremediá­bel a literatura épica (a compoñen­te fantástica non é máis ca un ele­mento colaborador –por máis que necesario– na elaboración do pra­to literario). Toda literatura nacio­nal precisa do xénero épico, que é o que lle ha dar o imprescindíbel nivel histórico de nación. Na galega ta­mén podemos encontrar verdadei­ras xoias, con frecuencia nacidas ao abeiro da materia de Bretaña, que andan por Ferrín ou Darío X. Caba­na, sempre acompañadas e, tantas veces guiadas, pola mestría indiscu­tíbel de Cunqueiro. Moita da literatura épica gale­ga (e non galega) atopará acomodo feliz na lectura dos mozos novos. A este respecto habería que lembrar o caso, cuxo rastro está tan presen­te nesta obra da que estamos a fa­cer recensión, de J. R. R. Tolkien, a quen descobre a xuventude lectora dos anos sesenta, nomeadamente aquela que se relacionaba co move­mento hippy, e que deu con O señor dos aneis, nun caso paradigmático de conversión en obra do corpus da LIX pola vía da apropiación que dela fan os mozos, como fixeran moitos anos antes con Gulliver de Swift. A obra de X. M. Marcos é un moi recomendábel exemplo deste tipo de literatura. Presentada como a epopea dun pobo, os arxinas, xa desde o primeiro volume do que se anuncia como unha triloxía, que haberán de se nos presentar en con­vivencia ou adversidade con outros pobos (alobris, mougas...) ou socie­dades de individuos de toda caste, porque tamén habemos dar con seres zoo-antropomorfos (p. ex. os xarxas) que contribuirán á crea­ción de situacións que os heroes haberán de superar. Porque no li­bro aparecerán todos os ingredien­tes necesarios para a construción da epopea: heroes, raíñas valentes e fermosas, traidores, divindades, obxectos máxicos cobizados e per­seguidos…Nada falta, os combates e loitas tampouco, que emparente esta obra coas estruturas clásicas do xénero. Por iso encontraremos tamén o elemento esencial para o carácter literario da obra, a incar­dinación nunha realidade próxima, na realidade dun pobo recoñecíbel e cheo de sentido épico da historia. No medio dos elementos fantásti­cos e dos tempos ignotos, brillan aqueles reais e históricos que nos falan aos lectores de nós mesmos. E iso é o que lle hai que pedir a cal­quera libro para que se converta en obra literaria: que o lector ou lec­tora se recoñezan nel e nel encon­tren elementos intelectuais para a reflexión sobre o mundo e o tem­po presentes, algo que vai máis aló da identificación como xogo de re­ferentes feitos a modo de ilusión. Así a lectura farase camiño de ex­periencia, é dicir de vida. Todo nesta obra é camiño de aprendizaxe, desde o rico e atinado léxico ate os xogos, combinacións e mesturas da toponimia, a antropo­nimia, os xentilicios, os nomes das cousas máxicas… Todo contribúe ao atinado equilibrio narrativo que con­segue X. M. Marcos e que eu lin con verdadeiro pracer e aproveitamento. // Xavier P. DoCampo

Sem comentários: