Quizaves a poesía sexa a única expresión enteira do home non relativizado nin
parcializado.
Quizaves por atender, por priorizar unha forma aguda de memoria, conserve, garde algo
da esperanza primeira, da vitalidade primeira, que leva a ebriedade do canto, e por estar
moi ligada a mocedade conserva aínda un alento de actuante entusiasmo.
Non cabe dúbida que a pasión poética ven de algo auroral e ten que ver coa paixón
erótica, co impulso comunal e coa herencia profunda, tanto do sangue como da cultura,
da lingua propia.
Memoria i herencia son expresiós da única permanencia e transmítennos unha forza que
rebasa o puro caudal individual.
A poesía é algo comunal é insumiso.
É un resto da índa non desmentida primeira, cega unidade; e por un intre pon o home ao
marxe do medo, inda dentro do medo, e salva como o amor.
É unha forma de comunión que tampouco está lonxe do mecanismo interior que
desencadea a emoción patriótica.
Todo poeta éo primordialmente da súa nación porque il é o ser da memoria inevitable,
gardadora e salvadora.
É o esclavo poseso da súa língua.
É a encarnación viva de esa língua, e nil volven cobrar alento, o alento que tuveron
nelas, as palabras e os xeitos da lingua de xeneraciós e xeneraciós pasadas que a falaron
e a fixeron única e así tal como é.
Por eso, quén non rexeita os frios manipuladores da língua de calquer índole? Os
deformadores da patria, os enlatadores da identidade?.
Porqué a lingua é sagrada, é o único que queda de tódolos nosos mortos, a única forma
de inmortalidade longa.
E o poeta é ou debe ser a encarnación viva desa língua.
E sabendoó ou sin sabelo con plenitude sempre fala en nome do seu pobo.
E calquera ao falar pode ser nise intre o poeta do seu pobo.
Claro que o falar pleno xa é o canto máisimo e como dixo aquil poeta tan famoso na
miña mocidade “solo a canción riba da terra é a que glorifica e festexa”.
UXÍO NOVONEYRA
1 comentário:
parabéns gostei do blog!
Enviar um comentário