10 de julho de 2011

CON CARLOS CALLÓN EN MADRID

Unha foto da presentación o martes día 5 de xullo no Centro Galego de Madrid do libro de Carlos Callón, En castellano no hay problema.

20 de junho de 2011

FOTOS PRESENTACION DE "EL FRIO AZUL" DE RAMON CARIDE

Fotos da presentación de EL FRÍO AZUL, de Ramón Caride, en Valladolid, na Librería Oletvm, á que tiven o honor de asistir acompañando ao autor.

30 de maio de 2011

O BEBEDOR DE RAKIA / CRITICAS VIII

O BEBEDOR DE RAKIA. NOVELA QUE FAI PENSAR.
Na crónica libresca da semana pasada reclamabamos máis atención á hora de observar/ter a literatura como unha fonte de saber. Entre todas as que hai, unha das máis importantes, como mínimo. E queremos agora lembralo porque a natureza da lectura que hoxe imos tratar convida tanto a iso como a todo o contrario. Convén lembralo hoxe e sempre. É preciso que o lector común nunca esqueza reclamar a literatura, decididamente, como unha indispensábel fonte de coñecemento. Dicimos que O bebedor de rakia se presta porque a novela de Xesús Manuel Marcos narra un caso en que unha personaxe, a protagonista, toca fonda logo de se ir afundindo, pouco a pouco, nun desamparo e soidade moi grandes, e sendo que xa non gozara de excesivo aprecio entre os máis achegados ou polo menos non visibelmente. De que lle serve isto á sociedade? Élle útil para algo o relato doutro perdedor? Nós non podemos responder esa pregunta, aínda que sexamos parte desa sociedade; o que si podemos dicir é que Marcos non a escribiu por pasar o tempo. Velaí, logo, que insistamos. A meirande parte da acción de O bebedor de rakia acontece lonxe de Galiza, se é que iso puidese importar algo, pois a universalidade de toda escrita está fóra de dúbida. Esta é a historia de Alberte e as súas circunstancias. Alberte, fillo dunha familia “desestruturada” (pai alcólico, nai escravizada e submisa, irmá maior protectora até certo punto), que no seu ambiente social non atopa poisibilidade de realización persoal nin ve futuro nin se sente apreciado (aínda que nalgún caso, por exemplo no da súa moza, Susana, o sexa) e, en vistas diso, alistarase como voluntario e marchará a unha misión humanitaria nos Balcáns. E desde aí todo é camiño descendente, na súa propia autoestima e na propia estima do mundo e de quen o compón, e ascendente no proceso de destrución dunha perosnalidade deficientemente construída porque a sociedade contribuíu decisivamente en tal impedimento. Ir aos Balcáns “para axudar” significará meterse de cheo nunha guerra, coma todas fondamente inhumana, nunha guerra allea e alleizante que o fai sentirse paxaro á intemperie e sen niño, familiarizándoo cun estilo de vida no cal o único importante é a forza bruta, cun estilo de vida no cal os sentimentos interpersoais case non saben expresarse sen recorrer a ela. E, pouco e pouco, os débiles fíos que o unían “ao mundo real” iranse desfacendo, entre equívocos e indiferenzas Alberte ficará máis só ca nunca, maís indefenso ca nunca ante a vida e a traxedia. Esta é a historia de Alberte e está contada en dúas direccións que conflúen no mesmo punto, a mesma traxedia tanto para letra “normal” como para a “extraordinaria”. E coa mesma endiañada velocidade da vida, ese caos rutineiro que pouco tempo deixa á reflexión e á análise. Isto provoca que a traxedia final fique salientada mais os momentos trascendentes anteriores, eses que van marcando un antes e despois progresivo, fiquen difuminados, engulidos na vertixinosidade duns feitos que se precipitan malia a invariabilidade do escenario conflitivo externo: a guerra. O cal nos leva a aconsellar vivamente a lectura concentrada en poucas sesións, a lectura intensa; ou, no seu defecto, ir tomando notas nas que se reflictan os cambios operados. E hai que dicir tamén que a confluencia da dúas dirección está ben logarda, sendo un dos aspectos fortes da novela. Esta é a historia e esta é a novela, e queremos retomar agora o que viñamos dicindo das formas de lectura. Porque non é novela para consumo ocioso. Ese espírito do ocio precisamente mata o espírito da novela, que, polo menos na nosa opinión, está lonxe de querer ser un pasatempo máis. Para animar o lector a que faga lectura activa. Lectura activa na que, a bon seguro, non ha faltar unha análise en contraste entre a historia de Alberte e a do seu pai, de onde esguellan unha serie de implicacións filosóficas ou sociolóxicas que non son precisamente para deixar pasar. E é tamén unha maneira de conectar este discurso con outros moi distintos, por exemplo con aqueles que tematizan a influencia do medio na persoa, tanto do medio vital como do medio orixinario. Ou con aqueles que relatan como se crea/destrúe a personalidade. Por poñer un par de exemplos. Esta é a historia do bebedor de rakia, a historia de quen só na rakia (bebida alcólica de elevada graduación) atopa forzas para seguir vivindo. E tanto ten a guerra, dos Balcáns ou do día a día. E se tanto ten a guerra, tanto ten o tipo de bebida refuxio. O único que importa é que a vida está repleta de bebedores, de fracasados vitais. O único que importa é que se o sabemos e os vemos, nós somos os peores bebedores de rakia.
Crítica de Xosé Manuel Eyré publicada na Nosa Terra.

30 de abril de 2011

O BEBEDOR DE RAKIA / CRITICAS VII

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, inclúe unha crítica de Dolores Martínez Torres sobre O bebedor de rakia. Velaquí a mesma: Alento de veracidade. Do que omiten os telexornais.
“¿Queres que falemos con vagar, aquí sentados, agora que me soltaron? Non sei se haberá roca que fíe o envurullado nobelo que teño na cabeza.”Así Alberte, un militar acabado de saír do calabozo, onde fora detido detido por protagonizar un brutal episodio de violencia, inicia un longo e difícil monólogo no que intenta dar forma ao inenarrable e explicarlle á súa irmá como chegou a converterse no que agora é: un alcohólico, un maltratador, un descoñecido que a todos dá medo. Non pretende facer confesións, tampouco quere xustificarse. Recoñece o monstro que habita nel e nada espera da comprensión allea; mais, se cadra coma un acto de valentía,o derradeiro do que se sinte capaz, saca á luz uns recordos dos que xamais falara,mais que o atormentan des que, quince anos atrás, a súa compañía fora destinada á guerra dos Balcáns para levar alí a cabo unha desas misións que, modernamente, se dan en chamar “humanitarias”. Despois, ao seu regreso, xa nada fora igual. Alberte, dalgún xeito, morrera en Iugoslavia. O relato das súas experiencias, un crescendo de espanto e embrutecemento que o conduce cara á autodestrución, intercálase na obra cos capítulos dedicados a outra narración, en terceira persoa, centrada esta no personaxe da irmá e nas complicadas relacións de familia. Vítima dun pai maltratador e odioso,Alberte termina por repetir o mesmo comportamento que despreza. O discurso do protagonista, dotado dun convincente alento de veracidade, resulta á vez, documentado e emotivo: con sobrio realismo, reflicte a crueldade e o absurdo do día a día na base española, as penurias dos cascos azuis e a ferocidade dos bandos enfrontados, ao tempo que debuxa un retrato robot do sufrimento dos afectados polo estrés post–traumático. Neste caso, un mozo do Courel que cumprira en Bosnia vinte anos.Velaquí o que omiten os telediarios, o que a épica hipócrita –“sodes forzas de paz, non tedes inimigos”– agocha baixo a alfombra. Ben acaída na forma e no tratamento do conflito, a novela posúe unha forza comparable a doutros clásicos de parecido tema. Proporciona unha ollada descarnada sobre o rostro obsceno dunha guerra que, no seu momento, acaparou portadas e conversas e abarrotou de expertos as tertulias e que, como tantas outras, esvaeuse no tempo; pero, sobre todo, fai que non esquezamos as consecuencias que, aínda hoxe, proen nas súas vítimas e mesmo provocan (“colateralmente”, coma tamén se di) outras novas.

O BEBEDOR DE RAKIA / CRITICAS VI

O crítico Vicente Araguas publicou unha recensión sobre O bebedor de rakia, nos xornais Diario de Ferrol, Diario de Arousa e El Ideal Gallego, que reproduzo integramente: A vida pola rakia.
Esta rakia da novela de Xesús Manuel Marcos, e o seu nada santo bebedor, vai ser a bebida aquela da canción sefardita que nos dera coñecer Joaquín Díaz: “La vida do por el rakí, no puedo yo dexalo…”. Un brebaxe potentísimo que deixa aos seus usuarios tan dopados que nin sequera unha guerra como a última de Bosnia é quen de espertalos. Dun pesadelo longuísimo que a Alberte, o protagonista de “O bebedor de rakia” (Edicións Xerais, Vigo 2011), terminará levándoo ao cagarrón por un “Glasgow kiss” propinado á súa dona. Iso si, despois de volto á irrealidade de quen nin tiña porvir dentro do exército nin parece que o vaia ter fóra del. No interín Alberte, home inestable nos sentimentos, fillo de pai tocado polo alcohol aparece nunha guerra totalmente allea, onde os que van impoñer a paz acaban disparando a quen non deben e sendo disparados á súa vez. Por aí Alberte e os seus conmilitóns, personaxes desta novela decididamente naturalista onde hai quen come coello cru porque non hai outra maneira e cando un autor describe esta escena –hai algunha similar– sen que lle treme a man de termar da pluma é que non está superado pola trama. Que para o caso ten moito de plasticidade cinematográfica, e Marcos (Seoane do Caurel, 1967) aponta, compre dicilo, maneiras de reporteiro bélico, aínda que obviamente non o sexa –e si funcionario da Administración de Xustiza–, por máis que a tramoia guerreira, co ardor consabido, vaia acompañada de historias sentimentais e familiares en paralelo, para rematar nun “in crescendo” que nos falan dun artífice habelencioso cal é o autor de “O bebedor de rakia”. Un libro que se le con interese porque Xesús Manuel Marcos vai dispoñendo nel doses precisas, non xa de rakia, veneno que se vai apoderando de Alberte cal un amor maldito, senón de intriga intercalada coas avanzadas e avanzadiñas bélícas, ao tempo que os personaxes –militares ou non– van aparecendo nun “timing” impecable. Con este libro Xesús Manuel Marcos, dono xa dunha certa biliografiaaparente, con novelas de xéneros ben diferentes e libros de relatos, demostra ser un autor moi seguro. Deses que non máis precisa dun golpe ben forte na táboa, onde ás veces cansan os consabidos sota, cabalo e rei, para que ninguén teña dúbida da súa existencia e poderío. “O bebedor de rakia” é unha boa mostra de novela cosmopolita, por máis que o seu “background” sexa inequivocamente galego, que non deberá adiar a súa tradución a outros idiomas. Trátase dun libro abondo universal, e iso a partir dese mundo tan propio –naturalismos incluídos– que abandeira este francotirador da literatura que vive, ben alonxado de saraos, cenáculos e tertulias, en Madrid.

23 de abril de 2011

O BEBEDOR DE RAKIA / CRITICAS V

No contexto do paso dos soldados españois pola guerra de Bosnia en suposta "misión de paz" velaquí unha poderosa novela que cómpre ler para para non pechar os ollos a todo aquilo que non nos amosan na televisión, unha novela que demostra que a arte serve como testemuño máis veraz que os medios informativos, a verdade escudada na ficción como xeito de saída, a verdade non supervisada. A novela de Xesús Manuel Marcos non deixa vagar para coller aire.
Lorena Domínguez Mallo. Val do Dubra
“apóiase o fusil, co seguro quitado, na sen. Ao mesmo tempo, presiónase o resorte que retén o cargador e o gatillo. Se o cargador cae, a bala non sae, e gañas o xogo. Se non cae, a morte é case segura, e o xogo remata” (154) Non souben o que era a rakia até case mediada a novela. Tárdase máis aínda en saber o que é o xogo de Itzik, iso que Alberte o protagonista di que require un sangue frío que moi poucos teñen. Tamén a novela de Xesús Manuel Marcos supón botarlle un pulso ao lectorado, procurar só a aquelas e aqueles lectores que queren saber e que non teñen medo de saber. Como o propio autor afirma nunha entrevista n’A Nosa Terra publicada o 15 de abril, hai persoas que estiveron na guerra e que teñen un testemuño sobre o que son as misións humanitarias no estranxeiro moi diferente do que se nos transmite nos medios. Esta novela é unha pequena peza dese quebracabezas de intuicións e sospeitas que podemos ter xa a medio formar sobre o tema, ou comezar ao longo das súas páxinas, se non nos preocupa a idea de botar por terra sen volta a ficción que consumimos como verdade, con esta verdade que non deixa de ser ficción. O testemuño en primeira persoa sobre a guerra dos Balcáns por parte de Alberte está enmarcado na súa longa confesión á súa irmá Branca logo dunha noite no calabozo. Non obstante, ese marco do presente, dous irmáns a cada lado da mesa dun bar, e un deles a desennobelar o remexido de pensamentos da súa cabeza, non é un encadramento secundario en absoluto. Alberte pode saír libre grazas a que Branca lle pediu á súa cuñada: “Algo que unha muller non debería pedirlle a outra muller” (24). Nese longo enfiar de pensamentos tamén a infancia e a adolescencia dos irmáns se coloca sobre a mesa, a relación cos pais pasada e presente, e o esboroarse da mocidade alegre de Alberte na fronte e logo do seu retorno. A violencia atravesa de parte a parte a vida do protagonista, desde a casa dos pais á súa propia vida familiar quince anos despois de tornar da fronte, un pasado que non logra deixar atrás. As secuelas psíquicas non son coma a cicatriz que conserva detrás da orella dereita, sete puntos de sutura sen perigo de infección, senón unha desas feridas que el mesmo di que “non sollan” (15). Por se couber a dúbida, o retrato da vida familiar non desmerece a forza nin a crueza da memoria da guerra. “lembrar. É a maior demostración de valentía da que son capaz hogano” (18), é unha das cousas que Alberte lle di á súa irmá Branca, quen ao longo da novela mantén a vontade de levalo consigo pasar o Nadal. O contraargumento de Alberte é o Nadal que non se acordaron del, cando estaba na fronte, ou os meses que semellaban telo esquecido, mesmo no seu aniversario, para que agora ela aspire a que se xunten nesas datas sinaladas “coma patacas podres no cu dun cesto” (20). E el lembra. Lembra o frío dos Balcáns, o odio feroz que lles tiñan alí cando se supoñía que só ían a axudalos, os amigos caídos, os ataques covardes, os delatores, as prostitutas que lles levaban á base, a cantina que lles montaron a carón, a escolta a camións de intercambio de cadáveres, a supervisión de troco de prisioneiros, as persoas ás que mataron, a dependencia do alcohol e da violencia, e as mentiras dos medios de comunicación nas mans dos cales non eran máis que monicreques. A novela de Xesús Manuel Marcos non deixa vagar para coller aire. “Verdadeiramente, estaba aprendendo moito e moi rápido naquela misión de axuda humanitaria. Tivera que ir a unha para matar”(99). Ese é o nivel de contundencia do libro que temos entre as mans. Iso pensa o mesmo mozo que entrara no exército fuxindo cara adiante desde unha vida familiar dura e abafante na que sobranceaba un pai violento e alcohólico. A guerra era unha hipótese baleira, impensábel, para moitos coma el que se alistaran buscando unha oportunidade. E ese mozo cobrará conciencia da ruindade humana e da fráxil raia que separa os homes con ganas de vivir e os homes aos que a vida lles é indiferente. A vida preséntase cruel nun país alleo, atacados por aqueles aos que se lles quere axudar, enganados por aqueles que os mandan, esquecidos polos que presuntamente os aman, incapaces para sempre de seren quen eran. Alberte fuxía cara adiante e quince anos despois toca fondo, incapaz de saír desa terra de ninguén na que caeu, atrapado entre os muros altos que son as olladas de dous cativos: a da súa filla Sara, unha ollada aterrada; e a de Jakov, baleira do Neretva, as dúas mostras para el do seu absoluto fracaso. Unha das tres citas que abre a novela di que: “A gran derrota, en todo, é esquecer, e sobre todo aquilo que te matou, e espichala sen comprender nunca ata que punto son fillos de puta os homes” (Louis-Ferdinand Céline). Xesús Manuel Marcos sírvenos a rakia máis poderosa imaxinábel, a rakia da memoria, e sírvenola en vaso fondo e sen nada co que aliviar o que nos queima na gorxa. Velaquí unha novela que cómpre ler para coñecérmonos mellor a nós mesmos, para lembrar e para non pechar os ollos a todo aquilo que non nos amosan na televisión, unha novela que demostra algo cada vez máis frecuente: a arte como testemuño máis veraz que os medios informativos, a verdade escudada na ficción como xeito de saída, a verdade non supervisada. Bébedos como estamos do que nos contan os medios, tamén nós podemos velo todo máis claro ao fondo do vaso. Para min, unha novela poderosa (a mellor palabra que se me ocorre para describila), e unha lectura moi recomendábel.

4 de abril de 2011

O BEBEDOR DE RAKIA / CRITICAS IV

O BEBEDOR DE RAKIA.
Guerra e violencia son as chaves de O bebedor de rakia de Xesús Manuel Marcos, publicado por Xerais. Violencia familiar antes da guerra, violencia en calquera guerra, violencia xerada pola guerra. Abatemento, frustración, soidade, horror. Que monstros provoca nunha persoa a guerra? Curiosamente, imos á guerra dos Balcáns, algo que non sucede moi frecuentemente na nosa literatura. Unha guerra cruenta que nos sacudiu hai ben pouco e moi preto. Unha desas ocasións nas que preferimos pechar os ollos e seguir vivindo a nosa máis fácil vida cotiá. Guerras que fan estragos, onde só hai vítimas por moito que se proclamen vencedores. Onde a denominación "misión de paz" é unha metáfora máis que nos venden e que nós mercamos para acalar conciencias. E nesta novela somos testemuñas da misión "humanitaria" destes soldados.
Esta situación, a narración dos horrores da guerra, é o corpus principal da novela. Un ex-soldado casco azul lembra os terribles pesadelos vividos nos Balcáns, algo que lle marcou tan profundamente que arestora é agresor nun típico caso de violencia de xénero. A outra parte da novela é a perspectiva da irmá, non contada en primeira persoa, pero case (posto que o narrador é totalmente omnisciente). Esta parte está en cursiva, algo que non me acaba de convencer, posto que o lector debe implicarse suficientemente no texto para averiguar que parte é cada cal. Pero aínda que máis curta é imprescindíbel para coñecer a realidade violenta do protagonista, que acha unha escusa perfecta no seu sufrimento vivido na guerra pero que comprenderemos que é, outra volta, só iso, unha escusa, posto que a herdanza do pai e a súa propia personalidade abondarían para coñecer o maltratador que leva dentro.
Gustoume. Gustoume para engadilo á lista de libros optativos do meu alumnado e saber a súa opinión. Gustoume porque ao autor non lle cómpren miles de páxinas para condensar o sufrimento, para denunciar a parafernalia dos cascos azuis, para construír un carácter machista e violento, para destapar un frasco da sociedade que preferimos deixar cerrado.

3 de abril de 2011

O BEBEDOR DE RAKIA / CRITICAS III

Xesús Manuel Marcos O bebedor de rakia Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2011, 166 páxinas, 16,15 €
Ao pouco de ir avanzando na lectura desta novela matinaba no rendible e produtivo que podería resultar unha análise comparativa entre O bebedor de rakia, a última novela de Xesús Manuel Marcos (Seoane do Courel, 1967), e outros tres libros que tamén afondaron no seu día nos efectos da guerra dos Balcáns desde distintas perspectivas e xéneros como foron o que o fotoxornalista Delmi Álvarez publicou no ano 1994 baixo o título de Reporteiro de guerra en Iugoslavia; o magnífico Ruído. Relatos de guerra (1995) de Miguel Anxo Murado e o non menos interesante A desintegración de Iugoslavia de Carlos Taibo (2001)..., propostas todas elas que ben poderían estar introducidas polo famoso poema “Soldado” de Celso Emilio Ferreiro, aquel que comeza dicindo “Tiña os ollos azules poboados de preguntas”, pois todos eles afondan con acerto nesta temática. Este volume, abeirado á ficción pero con evidentes ancoraxes na realidade histórica, volve os ollos de novo a aquelas historias que conmocionaron o mundo, a aqueles topónimos e lugares que, durante algún tempo, mantiveron a atención da sociedade -Mostar, Dracevo, Split, Ploce, Saraxevo, Divulxe, Xablanica...- e faino atendendo en gran parte aos terribles e cruentos sucesos alí ocorridos, mais tamén ás consecuencias que produciron as vivencias que Alberte Ferreiro sufriu ao longo de varios meses, incorporado nunha daquelas chamadas “misións humanitarias”. A factura técnica da novela resulta, ao meu ver, todo un acerto ao distribuír a voz do protagonista a través dun longo monólogo no que evoca e tira do nobelo das lembranzas máis traumáticas da súa experiencia persoal, tras pasar unha noite ingresado nun calabozo por un motivo que se albisca, pero que non se desvela ata a conclusión. Polo medio outra voz, nun momento clave para o protagonista no que agarda un xuíz ausente, rememora e actualiza boa parte da historia que se relata, con transparencia e sen evitar tampouco o que pode resultar máis doloroso pois calquera sentiría como falso non espellar a violencia que xerou todo este conflito. O bebedor de rakia, ademais, exhibe un rexistro lingüístico que “recupera” termos que non se adoitan atopar na prosa actual e permite que o lector camiñe con paso firme por un discurso poboado de numerosas metáforas e comparacións de trasfondo militar ou bélico que fai gañar verosimilitude a ese exercicio liberador, tras tantos anos de silencio, no que se reflexiona sobre o devalar dunha vida, dalgún xeito mortificada, mais tamén sobre a identidade, arredor da vida militar e a civil, sen esquecer como se sosteñen as relacións persoais neses contextos ou como é a supervivencia en condicións extremas e como se soporta o contacto co lado máis escuro da guerra. A novela, que agocha nesa bebida chamada “rakia” o símbolo dunha “granada anticarro” que se “lanzaba á blindaxe” do cerebro do protagonista, retrotrae e actualiza a memoria dun conflito recente e das súas consecuencias construíndo unha biografía de alguén que se converte nun “alieníxena refractario a todo sentimento” que puido, que pode, ser calquera, percorrendo os sucos das cicatrices que a guerra deixou. Baixo o título de "Os sucos das cicatrices que a guerra deixou" este texto publicouse no suplemento Culturas, de La Voz de Galicia, 0 2 de abril de 2011.

30 de março de 2011

LIBROS PARA O MAR CONXELADO QUE LEVAMOS DENTRO

"Lo que necesitamos son libros que hagan en nosotros el efecto de una desgracia, que nos duelan profundamente como la muerte de una persona a quien hubiésemos amado más que a nosotros mismos, como si fuésemos arrojados a los bosques, lejos de los hombres, como un suicidio; un libro tiene que ser el hacha para el mar congelado que llevamos dentro."
Franz Kafka

28 de março de 2011

O BEBEDOR DE RAKIA / CRÍTICAS II

O bebedor de rakia. Xesús Manuel Marcos. Xerais, Vigo, 2011, 174 páxs.
Crítica de Manuel Rodríguez Alonso, aparecida no seu blog Bouvard e Pécuchet.
OS MONICREQUES DA GUERRA.
O cine, as series de televisión ou mesmo os telexornais e as reportaxes televisivas adoitan presentarnos os soldados que participan nas chamadas “misións de paz” como novos heroes das fazañas bélicas que liamos na nosa infancia, mais a realidade destes heroes contemporáneos non deixa moitas veces de ser un capítulo máis da realidade deformada que moitas veces ofrecen os medios de comunicación. Esta novela volve pórnos en contacto coa dureza da guerra e coas consecuencias desta sobre as persoas que participan nelas, que nada teñen que ver coa visión rosa que dan os telexornais das devanditas “misións de paz”.
O protagonista da novela de X.M. Marcos é un soldado profesional sen graduación, que participa na misión de paz do exército español na antiga Iugoslavia durante sete meses de 1992. O relato das vicisitudes do soldado Alberte Ferreiro artículase en dous bloques narrativos que van alternando ao longo de todo o texto. O primeiro bloque narrativo está formado polo relato do propio protagonista que lembra a súa vida, especialmente a de soldado profesional, nas horas que pasa detido no calabozo do xulgado antes de pasar á disposición do xuíz por agredir, nun caso claro de violencia de xénero, a súa muller. O protagonista diríxese nun longo monólogo á súa irmá Branca, que ás veces parece estar presente na sala de visitas do xulgado e sentada fronte ao irman e outras ausente, fisicamente, mais sempre presente na mente de Alberte e que, de todos os xeitos, o agarda na sala de espera dos xulgados tras viaxar en autobús toda a noite para axudalo nesta nova peripecia da súa vida, a agresión machista contra a súa dona Chelo. No segundo bloque un narrador en terceira persoa conta os feitos, mais desde a perspectiva da irmá de Alberte, Branca, que agarda que o irmán saia en liberdade condicional despois da celebración dun xuízo rápido. Neste caso, a evolución de Alberte e o acto que o leva aos calabozos son vistos desde a perspectiva da irmá, por máis que se empregue no relato un narrador omnisciente. A través da testemuña de Alberte, nese soliloquio-diálogo coa irmá, deséñase a figura dun mozo que chegou ata o alcolismo e mesmo a agredir violentamente a súa muller Chelo, diante da súa filla Sara. Mais xa nas primeiras páxinas o novelista, con grande mestría, abre unha expectativa no lector cando Alberte sinala que todo isto non é cousa de agora, senón que todo comezou un día de agosto de hai quince anos, en 1992, cando estaba destinado na devandita “misión de paz” de Iugoslavia. Desde aquel día nin sequera sabe o que é durmir e só resiste grazas ás xenerosas doses de rakia (unha forte augardente iugoslava) ou de calquera outra bebida alcóholica que cae nas súas mans. O relato en terceira persoa, que alterna coa testemuña de Alberte, céntrase na figura de Alberte non como soldado, senón como maltratador e axente da violencia de xénero. Se Alberte, no seu monólogo, trata de exculpar o seu comportamento violento como consecuencia da guerra e da experiencia traumática que o levou ao alcoholismo, o certo é que neste relato en terceira persoa a perspectiva dos feitos é outra. Alberte é un rapaz violento desde a adolescencia, machista e que repite o comportamento de maltratador do seu propio pai. De aí que sexa un acerto esta alternancia dos dous bloques narrativos, mesmo marcados no texto cunha tipografía diferente. A través do monólogo-diálogo coa irmá de Alberte asistimos, como xa indicamos, á súa peripecia como soldado profesional. Isto dálle pé ao autor para presentarnos unha visión descarnada da guerra na antiga Iugoslavia e para desmitificar a actuación dos soldados nas chamadas eufemisticamente “misións de paz”. Descubrimos que o que acabou por desequilibrar totalmente a Alberte foi que matou un pobre adolescente iugoslavo que tomou por un perigoso combatente. A descrición que se fai da actuación e forma de vida dos soldados das misións de paz é tamén tremendamente dura, totalmente desmitificadora, como xa dixemos, destas guerras modernas, que agora se chaman eufemisticamente misións de paz. A min lémbrame a dureza dunha novela célebre sobre a guerra de África do primeiro terzo do século XX: Imán, de R. J. Sender. Despois de lermos esta novela de Xesús Manuel Marcos, xa ninguén poderá dicir que as “misións de paz” non son guerra pura e dura. Pola contra, o relato en terceira persoa, desde a perspectiva da irmá, presenta a cara do Alberte maltratador. Susana, unha antiga novia de Alberte xa o deixou porque lle tiña medo, e agora Chelo, a súa muller, vai sufrir o seu ataque. Como xa dixemos esta disposición en dous bloques da novela é un acerto, así como a redución temporal, pois tanto Alberte como o narrador omnisciente refán a vida de Alberte no tempo en que este permanece no calabozo, que non chega ás vinte e catro horas. No monólogo-diálogo de Alberte ocupan o maior espazo os sete meses que pasou no 92 en Iugoslavia. Quince anos despois, nesas horas de calabozo, lembra esa experiencia e tamén anacos da súa vida. No relato omnisciente, como xa dixemos, todo se dirixe a explicar como se foi fraguando o maltratador Alberte. No remate da novela conflúen ambas as liñas, pois Alberte reconstrúe o proceso de agresión á súa muller Chelo. Cómpre ler as malas desculpas de maltratador que ofrece Alberte. Mais esta exculpación da violenica de xénero que nos tenta coar Alberte non coincide coa visión do narrador omnisciente, que fala desde a perspectiva da irmá Branca. En canto á lingua, chama a atención a aparición de hiperenxebrismos ou formas non normativas como gomitar, gómito, submariña (páx. 41), anguria (páx. 43), outo (páx. 61), chiculate (páx. 68). Non faltan castelanismos como cubo (páx. 29), timados (páx. 40), afrenta (páx. 58), amanecendo (páx. 60), zarpar (páx. 63), roce (páx. 81), tambaleándose (páx. 91). Mesmo aparecen castelanismos morfolóxicos como tremaba (páx. 94). Abúsase do CD de persoa con a, ao xeito castelán, e ata pasa ao CD que non designa persoa: escoltando a un camión (páx. 158). No emprego dos pronomes átonos tamén se advirte a influencia do castelán en expresións como Non era capaz de mirarlle aos ollos (páx. 133), Nin se me pasara pola cabeza (páx. 38) ou a indistinción llo/llelo: levarlla aos demais (páx. 86). Con todo, no aspecto da lingua, cómpre salientar a boa recreación que se fai do rexistro propio do exército.
Xa que logo, boa novela, cunha estrutura moi axeitada para presentar o dobre tema da guerra, desmitificando as chamadas “misións de paz”, e o do maltrato de xénero. Recomendamos a súa lectura. Resulta así mesmo moi apropiada para utilizala nos centros de Secundaria e Bacharelato, non só pola súa calidade literaria, senón tamén polos dous temas que trata, de xeito que é moi aproveitable non só nas clases de Lingua, senón tamén en Historia, Filosofía ou Cidadanía. Pensemos, ademais, que nas nosas clases de Lingua temos que pór os rapaces coa literatura que agora se está a facer e non virá mal nas clases de Secundaria e Bacharelato dedicar espazos de tempo para falar das novidades. Só así formaremos futuros lectores e concienciaremos os rapaces de que a literatura é algo vivo e actual e non só un repertorio de figuras históricas ou panteón de ilustres.
Manuel Rodríguez Alonso

19 de março de 2011

O BEBEDOR DE RAKIA/CRITICAS I

O crítico Francisco Martínez Bouzas publica no seu blog Novenoites unha recensión sobre O bebedor de rakia, de Xesús Manuel Marcos. Reproducímola integramente:
Desmitificación das misións humanitarias
Xesús Manuel Marcos, o autor desta novela, O bebedor de rakia, semella ter unha manifesta querenza polos personaxes perdedores. Así acontecía nos relatos das súas dúas entregas que teñen como marco imaxinario a Esperante, ese lugar fantasmal, morada onde a morte acostuma ganar sempre e os seus moradores soen ser presentados case que sempre nos momentos das súas derrotas. Coa lembranzas daqueles contos, cicelados con grande eficacia, con tramas con moita gordura diexética e unha literaturiedade envexable, achégome a esta súa última entrega, unha novela de non moitas páxinas, pero de grande intensidade. Seguramente que este relato de Xesús Manuel Marcos é un dos primeiros que se mergullan de cheo, e sen cadeados na pluma, nas interioridades das misións de paz, no que de verdade acontece nesas misións así chamadas, nas que ten participado desde hai anos o exército español. A novela ofrece unha imaxe moi realista da forma na que se desenvolven esas intervencións do exército español, motivadas moitas veces por urxencias non humanitarias senón políticas – como tal, acadar unha cadeira no Consello de Seguridade da ONU – e ateigadas de mentiras, actitudes mesquiñas e, sobre todo, dunha incontable cantidade de odios, crueldade, aldraxes, brutalidades… que os tafures da propaganda oficial saben disimular. Se todas as guerras acostuman deixar amargas herdanzas de síndromes nos que nelas participan, as guerras “humanitarias” (o sen sentido desta palabra é evidente falando de guerras), non son unha excepción. E esa é, na miña estima, a mensaxe desta novela. O relato de Xesús Manuel Marcos aborda as pegadas que a participación das tropas da misión española na guerra de Bosnia deixou nun soldado profesional que actuou na mesma durante sete meses. A estrutura da novela descansa sobre a alternancia de dúas voces que tiran dun so fío narrativo. A do protagonista que, quince anos despois, e nun memorable monólogo interior no silencio espeso do calabozo, lembra as feridas do corpo e as da alma recibidas en Bosnia. As primeiras non se encetan, as segundas non sollan xamais. E a voz dun narrador omnisciente que sutura a súa experiencia “bélica – humanitaria” cun presente de desencanto, fracaso, desexos de autodestrución, violencia que perdura anos despois do regreso daquel inferno. Mentres espera sentado no calabozo a que o suban perante o xuíz, aquel mozo que nos Balcáns cumpriu vinte anos, retrocede no tempo nun soliloquio, que semella dirixido a súa irmá, o único membro da familia que lle dá agarimo. E na súa mente estoura todo o horror do que, en misión de paz, foi testemuña: os leiróns, gordos como coellos, devorando corpos nas beirarrúas de Mostar e Saraxevo, a muller que guinda o naipelo acabado de parir pola súa filla adolescente ás frías augas do río Neretva, o primeiro miliciano que mata, o odio contaxioso que percibe por todas partes, unha guerra que é vista como un inmenso mercado no que se poxa a vida e a morte e do que non se fala nos xornais. Finalmente, a rakia, esa augardente de herbas de corenta graos “que era como unha granada anticarro lanzada á blindaxe do cerebro” e que remata por destruílo, converténdoo nun bébedo ata que toca fondo e proxecta a súa autodestrución sobre a propia familia. Penso que Xesús Manuel Marcos desenvolve estre proxecto literario con gran valentía e sen ningunha rémora no tratamento dun tema no que se afasta do politicamente correcto. Cómpre salientar o realismo e a verosimilitude coa que describe o horror do que está tinguido ese escenario dos Balcáns e que vai destruíndo o protagonista. O estilo da súa prosa é moi elaborado. Algún erro gramatical non empece que se deba rexistrar no haber da novela o emprego dunha grande riqueza léxica, vizosa e xenuinamente galega (endoutro, xalundes, asura, filandón…), cada vez más ausente do galego literario. Unha razón engadida para gorentar con esta novela.
Francisco Martínez Bouzas