30 de outubro de 2008

BANCOS

Colgo o último artigo (magnífico, coma todos) na Voz de Galicia de Miguel Anxo Murado, un dos mellores escritores e xornalistas galegos actuais.
Pessoa escribiu unha obra que se chamaba O banqueiro anarquista. Pretendía ser especie e broma, pero Pessoa non coñecía os nosos tempos, onde o banqueiro pode ser un anarquista, senón no sentido político si no sentido etimolóxico de «aquel que non admite ningunha autoridade». E así estamos como estamos. Por exemplo, leo que os presidentes dos consellos de administración das corenta maiores empresas francesas gañaron o ano pasado unha media de 4 millóns de euros (664 millóns de pesetas). ¿Que pensan? A min paréceme moito. Ata llo parecería a un dos homes menos pobres da historia, J.?P. Morgan, que dicía hai cen anos que un empresario non debía nunca gañar máis de vinte veces o salario medio. Sen embargo, o salario medio apenas aumentou nunha década, mentres que o dos presidentes de bancos subiu ata un 51% (aínda que os datos, tomados dun artigo de Frederick Lemaitre, son de Francia, valen para aquí). Todos sabemos como se chegou a esta situación. Durante anos aseguráronnos que os salarios altos dos grandes executivos incentivan a produtividade. Por iso protestaba a semana pasada o presidente do Deutsche Bank, Josef Ackermann, cando o Goberno alemán falou de limitar as retribucións dos dirixentes da banca á modesta cifra de medio millón de euros por ano. «Os mellores irán buscar traballo a outro país», dicía este home, que se dispón a facer despidos no seu banco (eses si que van ter que ir buscar traballo a outro lugar). Ackermann non quere normas. El é o banqueiro anarquista de Pessoa. Mais se un mira os datos do Fondo Monetario Internacional, a conta non cadra. Este calcula que os erros dos directores de bancos (incluído Ackermann) causaron perdas por valor duns mil millóns de dólares nos últimos tres anos, mentres que eses mesmos directivos se embolsaban 95.000 millóns. Ackermann, en concreto, meteu no peto uns trinta millóns. De feito, o abuso dos incentivos económicos aos executivos parece ser unha das causas da actual crise financeira, cando moitos deles venderon créditos irrecuperables para cobrar as primas. E este é o meu cálculo: o salario dun presidente de banco equivale a dous séculos dun salario medio. É dicir, que, por poñer un caso, se Agustina de Aragón tivese aforrado ata hoxe, podía facer os cartos que fai nun ano Ackermann. Pero pasado un ano, Agustina tería que aforrar outros douscentos anos máis. E así ata o infinito. Para igualarse con Ackermann, pois, hai que facerse inmortal. Difícil.
MIGUEL ANXO MURADO. A Voz de Galicia. 30-10-2008.

Sem comentários: