O domingo, 16 de maio, contra a unha da tarde, estarei na Feira do Libro de Lugo asinando exemplares do meu libro O ESCONXURADOR. Se queren, alí nos vemos.
Blog do escritor Xesús Manuel Marcos
O universo ficcional construído por Xesús Manuel Marcos, na, xa se pode ir dicindo, saga, de O Brindo de ouro, iniciada con aquel O Brindo de ouro I. A chamada do Brindo ( Premio Merlín de 2004) e continuada neste O Brindo de ouro II. A Táboa da Hospitalidade que hoxe comentamos, é de tal envergadura, tanto no plano do contido, como no formal ou no estritamente verbal, que dificilmente se deixa capturar no limitado espazo dunha crónica libresca. E, á súa vez e polo tanto, resulta para o cronista atraente en grao tal, que imposíbel lle resulta refugar o desafío de tentalo, sendo moi consciente, igual que o autor o foi á hora de novelar, que a única irreversíbel derrota é a do folio en branco, o río de augas estancas que non leva a ningures. Aliás, nótese que estamos a nos referir a un título dos pertencentes ao nicho da chamada literatura infantil-xuvenil. Entendan pois, os adultos, que se xa non houbo nunca razón para dubidar das calidades da escrita literaria para os máis novos, Xesús Manuel Marcos demostra aquí até que punto sería errada e inxusta semellante crenza. Outrosí, saíbase desde xa, a fin dunda correcta valorización do antes expresado, que para lograr tal complexidade recorreuse ao uso dunhas personaxes das chamadas de configuración plana, desas que contan mínima evolución interior; pois aínda que a trama dispón situacións abondo traumáticas, moi cativa ou inexitente son os seus procesos degradores ou contrutores, agás, e só un bocadiño, nos casos de Martul e Proendos, as dúas personaxes máis complexas, as dúas do bando antagonista.
Epopea de ar clásico.
Recomendábel exemplo de literatura épica con Tolkien de fondo.
“Canta, oh deusa, a cólera do Pelida Aquiles, cólera funesta que causou infinitos males aos aqueos...”. Con estas palabras dá comezo a épica narrativa, polo menos aquela que chegou a nós, e con ela a realización do desexo do ser humano de facer do relato instrumento de consolidación da memoria do seu paso polo mundo. Así, cando os soños se fan realidade e as lembranzas son pegadas que os pobos deixan, na literatura os destinos dos pobos tórnanse historia.
A Xesús Manuel Marcos, o escritor courelán afincado alimentariamente en Madrid, tíralle de xeito irremediábel a literatura épica (a compoñente fantástica non é máis ca un elemento colaborador –por máis que necesario– na elaboración do prato literario). Toda literatura nacional precisa do xénero épico, que é o que lle ha dar o imprescindíbel nivel histórico de nación. Na galega tamén podemos encontrar verdadeiras xoias, con frecuencia nacidas ao abeiro da materia de Bretaña, que andan por Ferrín ou Darío X. Cabana, sempre acompañadas e, tantas veces guiadas, pola mestría indiscutíbel de Cunqueiro.
Moita da literatura épica galega (e non galega) atopará acomodo feliz na lectura dos mozos novos. A este respecto habería que lembrar o caso, cuxo rastro está tan presente nesta obra da que estamos a facer recensión, de J. R. R. Tolkien, a quen descobre a xuventude lectora dos anos sesenta, nomeadamente aquela que se relacionaba co movemento hippy, e que deu con O señor dos aneis, nun caso paradigmático de conversión en obra do corpus da LIX pola vía da apropiación que dela fan os mozos, como fixeran moitos anos antes con Gulliver de Swift.
A obra de X. M. Marcos é un moi recomendábel exemplo deste tipo de literatura. Presentada como a epopea dun pobo, os arxinas, xa desde o primeiro volume do que se anuncia como unha triloxía, que haberán de se nos presentar en convivencia ou adversidade con outros pobos (alobris, mougas...) ou sociedades de individuos de toda caste, porque tamén habemos dar con seres zoo-antropomorfos (p. ex. os xarxas) que contribuirán á creación de situacións que os heroes haberán de superar. Porque no libro aparecerán todos os ingredientes necesarios para a construción da epopea: heroes, raíñas valentes e fermosas, traidores, divindades, obxectos máxicos cobizados e perseguidos…Nada falta, os combates e loitas tampouco, que emparente esta obra coas estruturas clásicas do xénero. Por iso encontraremos tamén o elemento esencial para o carácter literario da obra, a incardinación nunha realidade próxima, na realidade dun pobo recoñecíbel e cheo de sentido épico da historia. No medio dos elementos fantásticos e dos tempos ignotos, brillan aqueles reais e históricos que nos falan aos lectores de nós mesmos. E iso é o que lle hai que pedir a calquera libro para que se converta en obra literaria: que o lector ou lectora se recoñezan nel e nel encontren elementos intelectuais para a reflexión sobre o mundo e o tempo presentes, algo que vai máis aló da identificación como xogo de referentes feitos a modo de ilusión. Así a lectura farase camiño de experiencia, é dicir de vida.
Todo nesta obra é camiño de aprendizaxe, desde o rico e atinado léxico ate os xogos, combinacións e mesturas da toponimia, a antroponimia, os xentilicios, os nomes das cousas máxicas… Todo contribúe ao atinado equilibrio narrativo que consegue X. M. Marcos e que eu lin con verdadeiro pracer e aproveitamento. // Xavier P. DoCampo
Unha novela que continua no mundo fantástico e ben trazado do autor: Xesús Manuel Marcos é a A Táboa da Hospitalidade, segunda entrega d' O Brindo de Ouro, relato co que autor gañara un premio Merlín. O autor amosa o seu diferenciado mundo marabilloso, na liña de Tolkien, ambicioso e pleno de movemento narrativo. Hai moitos anos que non encontro unha entrega en literatura xuvenil tan arriscada e poderosa. Un libro como este, traducido a calquera lingua, sería sen dúbida éxito libresco: aventura, intriga, acción sen cese... e unha prosa que acompaña substantivamente a narración. Hai demasiados nomes, certo. ¿Pero en que gran novela non os hai? Este libro é dos que teñen que ler os mozos para alimentar a súa imaxinación, desnutrida entre tantas historias de amores rotos e frustracións adolescentes.
Xosé Carlos Caneiro.
Fragmento do artigo publicado por Xosé Carlos Caneiro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, sábado, 30 de xaneiro de 2010.
A partir de agora, Natalia Dudek, da Axencia Literaria Galega, levará todos os meus asuntos relacionados coa escrita. Estou agradecido por permitírenme entrar a formar parte do grupo de escritores galegos que representan, e espero que isto sirva para promocionar tanto as miñas obras publicadas como as futuras.