27 de novembro de 2006

XII FESTIVAL GOSPEL & NEGRO SPIRITUALS

Coma todos os anos, toca asistir ao festival de gospel e espirituais negros que organiza o Concello de Madrid.
Este ano, para abrir boca, verei como cantan dos do mississippi e se seguen tan en forma como a primeira vez que os vin. Logo, verei como queda o gospel coa steel guitar.

LECTURAS PENDENTES

Logo de rematar novela, amontóanse as lecturas pendentes. A algunha xa comecei a meterlle o dente. Entre outras, agardan por min:
Corredores de Sombra, de Fernández Paz.
A sombra descalza, de An Alfaya.
Spam, de Francisco Castro.
A triloxía de novelas de Samuel Beckett (Molloy, Malone morre e O innombrable). Xa comecei con Molloy, que vexo con ledicia que xa se pode ler en galego.
Neve, de Pamuk.
A muller xusta, de Sándor Marai.
Tamén toca a relectura dun dos meus libros de cabeceira, tres relatos xuntiños de Melville nunha edición de Cátedra ( o Bartleby, Benito Cereno e Bily Budd).

13 de novembro de 2006

PUNTO FINAL

Logo dun ano de traballo, de loxística, notas e escritura, veño de rematar unha novela.
Estou ledo, coa satisfacción do deber cumprido. Distraeume de outros compromisos nos que estaba metido, e agora repousa no caixón, coas palabras a voar aínda coma po no aire do cuarto. Hai que deixar que ese po asente antes dunha nova lectura.
Agora, uns días tranquilos, novo caderno de tapas duras, novos rotuladores azul e vermello, e outra vez a loxística, a superación de atrancos, a dura conquista do cume que resiste con unllas e dentes.
Entre as cousas que pagan a pena, esta é unha delas.