18 de setembro de 2008

A FORZA DAS MINORÍAS

Porque é hora de reclamar esa forza. Coméntame o meu admirado Xosé A. Neira Cruz que anda sen alento coa preparación do encontro do 2010. Seguro que a organización é un éxito e poderán comezar a desaparecer algúns complexos e prexuízos sobre esa literatura á que algúns chaman con menosprezo Literatura IBBY e que non é máis ca literatura (e da mellor que se fai no país).

13 de setembro de 2008

LECTURAS

Este verán foi pródigo en lecturas. Caeron Unha soidade demasiado ruidosa, de Hrabal, Ruído, relatos de guerra, de Murado, Arte e parte, de Borrazás, A marabillosa vida breve de Óscar Wao, de Junot Díaz, e parte de Fillos da medianoite, de Salman Rushdie.

Algúns libros xa viñan con moito retraso, e unha das obras é novidade nas librarías: A maravillosa vida breve de Óscar Wao, do dominicano Junot Díaz. Pareceume unha novela magnífica. Ten certa dificultade de lectura para poder captar todos os seus matices, debido á variedade de referentes culturais que incorpora, principalmente da literatura mal chamada fantástica (Tolkien, Herbert, ata Lovecraft), do mundo da novela gráfica, cine, televisión, etc. Mais, a narración do acontecer da saga dos Cabral, tanto pola banda dominicana como pola norteamericana, está maxistralmente conseguida, cunha estrutura espazo-temporal propia dun reloxo suízo. Unha escrita desenfadada, áxil, anovadora, turra da lectura e lévanos da man ata a fin da novela nun suspiro, malia os terribles acontecementos nos que se mergulla, nada máis e nada menos que os anos da dictadura de Trujillo. Unha novela recomendable da que haberá que aprender.