6 de agosto de 2010

O ESCONXURADOR EN MONFORTE DE LEMOS

O venres 27 de agosto, ás 20 horas, estarei na Feira do Libro de Monforte de Lemos para asinar exemplares do libro O Esconxurador, editado pola Editorial Galaxia.

12 de maio de 2010

3 de maio de 2010

A TÁBOA DA HOSPITALIDADE SEGUNDO X. M. EYRÉ

O universo ficcional construído por Xesús Manuel Marcos, na, xa se pode ir dicindo, saga, de O Brindo de ouro, iniciada con aquel O Brindo de ouro I. A chamada do Brindo ( Premio Merlín de 2004) e continuada neste O Brindo de ouro II. A Táboa da Hospitalidade que hoxe comentamos, é de tal envergadura, tanto no plano do contido, como no formal ou no estritamente verbal, que dificilmente se deixa capturar no limitado espazo dunha crónica libresca. E, á súa vez e polo tanto, resulta para o cronista atraente en grao tal, que imposíbel lle resulta refugar o desafío de tentalo, sendo moi consciente, igual que o autor o foi á hora de novelar, que a única irreversíbel derrota é a do folio en branco, o río de augas estancas que non leva a ningures. Aliás, nótese que estamos a nos referir a un título dos pertencentes ao nicho da chamada literatura infantil-xuvenil. Entendan pois, os adultos, que se xa non houbo nunca razón para dubidar das calidades da escrita literaria para os máis novos, Xesús Manuel Marcos demostra aquí até que punto sería errada e inxusta semellante crenza. Outrosí, saíbase desde xa, a fin dunda correcta valorización do antes expresado, que para lograr tal complexidade recorreuse ao uso dunhas personaxes das chamadas de configuración plana, desas que contan mínima evolución interior; pois aínda que a trama dispón situacións abondo traumáticas, moi cativa ou inexitente son os seus procesos degradores ou contrutores, agás, e só un bocadiño, nos casos de Martul e Proendos, as dúas personaxes máis complexas, as dúas do bando antagonista.
E velaquí, como continuaría, que non se publicará fora desta Ferradura, pois cando me decatei xa ultrapasara a miña cota verbal.
Téñase en conta que todo o que vimos de escribir versa sobre unha novela das chamadas de literatura infantil xuvenil. Repetimos. Dicímolo por se desde a literatura de ficción para adultos se van collendo os pertinentes recortes. Esta segunda entrega de O Brindo de ouro, sen ser o que se di unha novela redonda-redonda, resulta un bo expoñente da riqueza que se pode achar nunha novela, sempre que o autor, cando a redacta, non queira transmitirnos a simpleza de que unha novela só é unha historia e máis nada. De non estar tan repartida en nichos, esta segunda entrega de O Brindo de Ouro, de seguro optaría a ser a mellor novela de 2009. Moi convencidamente. Xosé Manuel Eyré.

28 de abril de 2010

O QUE REXEITO

En canto a unha poética miña, máis que unha serían varias, como é normal nun poeta de longa traxectoria e que non se imite demasiado a si mesmo. En por hoxe o único que direi é o que rexeito. Rexeito o idioma normativizado, homoxeneizado, dos que siguen os ditados normativos do Instituto da Lingua, da Real Academia e do Parlamento e Xunta de Galicia, impostos incluso ás obra de creación literaria donde máis se precisa conservar o sangre da Lingua vivida, a súa forma peculiar i o aroma de infancia e comarca. Teimei e teimo que sea válida tamén na escrita de creación a santa liberdade dos falantes. Igual que rexeito o Galego Oficial, rexeito a normativa reintegracionista oposta a el e non menos encorsetada e con olor a falsa e a non-patria. Ambas quitáronlle a color, o sabor e a aventura a moita da Literatura Galega Última i envenenaron ca súa teimosía o mundo literario con odios e marxinacións inda maiores que os existentes no partidismo político. E repito que non me opoño a un galego respetuosamente normativizado, eso si, con moita maior flexibilidade e que dea cabida ás peculiaridades e que poda ser asumido e sentido como patria común unidora e fortalecedora.
UXÍO NOVONEYRA.

27 de abril de 2010

POÉTICA OU O QUE NOS QUEDA DOS DEVANCEIROS

Quizaves a poesía sexa a única expresión enteira do home non relativizado nin parcializado. Quizaves por atender, por priorizar unha forma aguda de memoria, conserve, garde algo da esperanza primeira, da vitalidade primeira, que leva a ebriedade do canto, e por estar moi ligada a mocedade conserva aínda un alento de actuante entusiasmo. Non cabe dúbida que a pasión poética ven de algo auroral e ten que ver coa paixón erótica, co impulso comunal e coa herencia profunda, tanto do sangue como da cultura, da lingua propia. Memoria i herencia son expresiós da única permanencia e transmítennos unha forza que rebasa o puro caudal individual. A poesía é algo comunal é insumiso. É un resto da índa non desmentida primeira, cega unidade; e por un intre pon o home ao marxe do medo, inda dentro do medo, e salva como o amor. É unha forma de comunión que tampouco está lonxe do mecanismo interior que desencadea a emoción patriótica. Todo poeta éo primordialmente da súa nación porque il é o ser da memoria inevitable, gardadora e salvadora. É o esclavo poseso da súa língua. É a encarnación viva de esa língua, e nil volven cobrar alento, o alento que tuveron nelas, as palabras e os xeitos da lingua de xeneraciós e xeneraciós pasadas que a falaron e a fixeron única e así tal como é. Por eso, quén non rexeita os frios manipuladores da língua de calquer índole? Os deformadores da patria, os enlatadores da identidade?. Porqué a lingua é sagrada, é o único que queda de tódolos nosos mortos, a única forma de inmortalidade longa. E o poeta é ou debe ser a encarnación viva desa língua. E sabendoó ou sin sabelo con plenitude sempre fala en nome do seu pobo. E calquera ao falar pode ser nise intre o poeta do seu pobo. Claro que o falar pleno xa é o canto máisimo e como dixo aquil poeta tan famoso na miña mocidade “solo a canción riba da terra é a que glorifica e festexa”.
UXÍO NOVONEYRA

18 de abril de 2010

EPOPEA DE AR CLÁSICO

Epopea de ar clásico. Recomendábel exemplo de literatura épica con Tolkien de fondo. “Canta, oh deusa, a có­lera do Pelida Aqui­les, cólera funesta que causou infini­tos males aos aqueos...”. Con estas palabras dá comezo a épica narrati­va, polo menos aquela que chegou a nós, e con ela a realización do desexo do ser humano de facer do relato ins­trumento de consolidación da me­moria do seu paso polo mundo. Así, cando os soños se fan realidade e as lembranzas son pegadas que os po­bos deixan, na literatura os destinos dos pobos tórnanse historia. A Xesús Manuel Marcos, o escritor courelán afincado alimentariamente en Madrid, tíralle de xeito irremediá­bel a literatura épica (a compoñen­te fantástica non é máis ca un ele­mento colaborador –por máis que necesario– na elaboración do pra­to literario). Toda literatura nacio­nal precisa do xénero épico, que é o que lle ha dar o imprescindíbel nivel histórico de nación. Na galega ta­mén podemos encontrar verdadei­ras xoias, con frecuencia nacidas ao abeiro da materia de Bretaña, que andan por Ferrín ou Darío X. Caba­na, sempre acompañadas e, tantas veces guiadas, pola mestría indiscu­tíbel de Cunqueiro. Moita da literatura épica gale­ga (e non galega) atopará acomodo feliz na lectura dos mozos novos. A este respecto habería que lembrar o caso, cuxo rastro está tan presen­te nesta obra da que estamos a fa­cer recensión, de J. R. R. Tolkien, a quen descobre a xuventude lectora dos anos sesenta, nomeadamente aquela que se relacionaba co move­mento hippy, e que deu con O señor dos aneis, nun caso paradigmático de conversión en obra do corpus da LIX pola vía da apropiación que dela fan os mozos, como fixeran moitos anos antes con Gulliver de Swift. A obra de X. M. Marcos é un moi recomendábel exemplo deste tipo de literatura. Presentada como a epopea dun pobo, os arxinas, xa desde o primeiro volume do que se anuncia como unha triloxía, que haberán de se nos presentar en con­vivencia ou adversidade con outros pobos (alobris, mougas...) ou socie­dades de individuos de toda caste, porque tamén habemos dar con seres zoo-antropomorfos (p. ex. os xarxas) que contribuirán á crea­ción de situacións que os heroes haberán de superar. Porque no li­bro aparecerán todos os ingredien­tes necesarios para a construción da epopea: heroes, raíñas valentes e fermosas, traidores, divindades, obxectos máxicos cobizados e per­seguidos…Nada falta, os combates e loitas tampouco, que emparente esta obra coas estruturas clásicas do xénero. Por iso encontraremos tamén o elemento esencial para o carácter literario da obra, a incar­dinación nunha realidade próxima, na realidade dun pobo recoñecíbel e cheo de sentido épico da historia. No medio dos elementos fantásti­cos e dos tempos ignotos, brillan aqueles reais e históricos que nos falan aos lectores de nós mesmos. E iso é o que lle hai que pedir a cal­quera libro para que se converta en obra literaria: que o lector ou lec­tora se recoñezan nel e nel encon­tren elementos intelectuais para a reflexión sobre o mundo e o tem­po presentes, algo que vai máis aló da identificación como xogo de re­ferentes feitos a modo de ilusión. Así a lectura farase camiño de ex­periencia, é dicir de vida. Todo nesta obra é camiño de aprendizaxe, desde o rico e atinado léxico ate os xogos, combinacións e mesturas da toponimia, a antropo­nimia, os xentilicios, os nomes das cousas máxicas… Todo contribúe ao atinado equilibrio narrativo que con­segue X. M. Marcos e que eu lin con verdadeiro pracer e aproveitamento. // Xavier P. DoCampo

11 de março de 2010

OBRA DE FANTASÍA DE GRANDE ALTURA

Xesús Manuel Marcos gañaba no ano 2004 o premio Merlín de literatura infantil e xuvenil coa obra O Brindo de Ouro I. A Chamada do Brindo, que ao ano seguinte recibía tamén o premio internacional The White Ravens. En marzo de 2006 Xesús Manuel Marcos estrea o seu blog Abellonenia, no que utiliza como pseudónimo Oluego (sóalles?) e onde avanza parte do primeiro capítulo desta segunda entrega da serie, pero aínda que hai que agardar tres anos máis, a calidade da obra ben paga a pena a espera. Mais este tempo non foi terreo ermo para o autor, que cultivou a novela e o relato con exitoso resultado. Momento prolífico para un escritor que vén de publicar a novela de intriga O esconxurador en Galaxia e que está a piques de presentar en Xerais O bebedor de rakia, protagonizada por un soldado galego en Bosnia.
Seguimos neste volume a historia do adolescente heroe Selmo, gardián do Brindo de Ouro, e do seu pobo os arxinas. Acompáñano Lombán (o lobo albino),o alobri Toimil, Oulego (o home salgueiro) e un mundo de personaxes lendarias (estrañas mulleres, animais extraordinarios...) que entroncan na súa natureza coa nosa tradición oral e coa “Galicia encantada” de Cunqueiro e Xosé Miranda. Os seus nomes de sonoridades evocadoras (Ildara, Morgaza, Oulego, Arvexa, Martul...) contribúen á creación dunha atmosfera atemporal e enigmática que fai crible a fantasía, e queda unha engaiolada de personaxes como as Barxas decididoras de todo canto acontece nas aldeas, durante longo tempo ocultadas mentres reciben o mestrado da sabedoría e da xustiza para ben administrar a vida dos arxinas.
E o libro é tamén unha novela de acción e aventuras, pero aínda que non pasase nada xustificaríase a súa existencia sópor ter a oportunidade de vivir a paisaxe recreada. Como manifesta o autor, o espazo do Brindo nace como un trasunto do Courel para logo medrar de maneira independente ata ser autónomo e contribúe a lle dar esa autonomía ao mundo da novela no sentido Tolkiano de mundo mitolóxico cunha entidade propia “real”. A obra entronca tamén coa xeografía da paisaxe oteriana, coa vivencia da paisaxe do de Trasalba. Épor istoque lugares como a Devesa da Rogueira, Abellonenia, Mogoxe, as Veigas de Valdavaraou o Pico de Brío xa teñen pasado a formar parte da nosa xeografía fantástica común.
En canto á interpretación global, como xa ben sinalou Montse Pena Presas en LG3, o camiño dos protagonistas adolescentes non é senón unha metáfora do“camiñar de toda unha colectividade”, unha metáfora de nós mesmos no noso avanzar como pobo e onde Selmo tamén sente a presión da responsabilidade na súa condición de bardo guieiro. Este volume vén de ser declarado obra finalista para os premios 2010 da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) na categoría de literatura infantil e xuvenil. Unha convocatoria que este ano se presenta bastante discutida, pois a colleita de 2009 foi moi boa, e nela vai ter que competir coas Ás de Bolboreta de Rosa Aneiros e con Agustín Fernández Paz, que desta volta está nominado dobremente por Lúa do Senegal e por Valados, haberá que agardar ata a Cea das Letras do 17 de abril.
O libro catívanos en toda as súas páxinas e ao rematar, co comezo dese inverno aberto ao amor e á aventura onde se singulariza a soidade do heroe devécese esa terceira entrega xa no forno. Non desaproveiten a oportunidade de ler esta Táboa da Hospitalidade, unha obra de fantasía de grande altura “para aqueles que gustan das historias fermosas”. Pilar Ponte.
Este texto de Pilar Ponte foi publicado en «Faro da Cultura», suplemento de Faro de Vigo, o xoves 11 de marzo de 2010.

20 de fevereiro de 2010

O BRINDO DE OURO II FINALISTA PREMIOS AELG 2010

Veño de enterarme de que o meu libro O BRINDO DE OURO II A TÁBOA DA HOSPITALIDADE figura como finalista dos Premios da AELG, na modalidade de Literatura Infantil e Xuvenil. Isto xa é un premio para o libro. Grazas.

16 de fevereiro de 2010

O ESCONXURADOR

Veño de publicar unha nova novela na Editorial Galaxia, que leva por título O ESCONXURADOR. Espero que lles guste.
Velaquí unha novela que arrecende a medo, intriga e pasado, tres dos mellores ingredientes para manter o lector preso a unha cadeira, co libro aberto diante dos seus ollos. Unha historia que tende pontes entre tempos e que deseguro te atrapará ata o final.

1 de fevereiro de 2010

NOVELA ARRISCADA E PODEROSA

Unha novela que continua no mundo fantástico e ben trazado do autor: Xesús Manuel Marcos é a A Táboa da Hospitalidade, segunda entrega d' O Brindo de Ouro, relato co que autor gañara un premio Merlín. O autor amosa o seu diferenciado mundo marabilloso, na liña de Tolkien, ambicioso e pleno de movemento narrativo. Hai moitos anos que non encontro unha entrega en literatura xuvenil tan arriscada e poderosa. Un libro como este, traducido a calquera lingua, sería sen dúbida éxito libresco: aventura, intriga, acción sen cese... e unha prosa que acompaña substantivamente a narración. Hai demasiados nomes, certo. ¿Pero en que gran novela non os hai? Este libro é dos que teñen que ler os mozos para alimentar a súa imaxinación, desnutrida entre tantas historias de amores rotos e frustracións adolescentes. Xosé Carlos Caneiro. Fragmento do artigo publicado por Xosé Carlos Caneiro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, sábado, 30 de xaneiro de 2010.

29 de janeiro de 2010

AXENCIA LITERARIA GALEGA

A partir de agora, Natalia Dudek, da Axencia Literaria Galega, levará todos os meus asuntos relacionados coa escrita. Estou agradecido por permitírenme entrar a formar parte do grupo de escritores galegos que representan, e espero que isto sirva para promocionar tanto as miñas obras publicadas como as futuras.

24 de janeiro de 2010

LA SINAPSIS DEL CÓDICE

O documental de ficción La Sinapsis del Códice, do meu amigo Pablo Iglesias Rendo, estrearase o día 28 de xaneiro no Hostal dos Reis Católicos. Noraboa para Pablo. Mágoa non poder estar en Compostela para ir velo.

23 de janeiro de 2010

MODESTO TRIGO

Veño de visitar a exposición "Otra Mirada", do pintor, natural de Gundivós, Sober, Modesto Trigo, na Casa de Galicia en Madrid. Non o coñecía, e a exposición encantoume. Recoméndoa.