12 de maio de 2010

3 de maio de 2010

A TÁBOA DA HOSPITALIDADE SEGUNDO X. M. EYRÉ

O universo ficcional construído por Xesús Manuel Marcos, na, xa se pode ir dicindo, saga, de O Brindo de ouro, iniciada con aquel O Brindo de ouro I. A chamada do Brindo ( Premio Merlín de 2004) e continuada neste O Brindo de ouro II. A Táboa da Hospitalidade que hoxe comentamos, é de tal envergadura, tanto no plano do contido, como no formal ou no estritamente verbal, que dificilmente se deixa capturar no limitado espazo dunha crónica libresca. E, á súa vez e polo tanto, resulta para o cronista atraente en grao tal, que imposíbel lle resulta refugar o desafío de tentalo, sendo moi consciente, igual que o autor o foi á hora de novelar, que a única irreversíbel derrota é a do folio en branco, o río de augas estancas que non leva a ningures. Aliás, nótese que estamos a nos referir a un título dos pertencentes ao nicho da chamada literatura infantil-xuvenil. Entendan pois, os adultos, que se xa non houbo nunca razón para dubidar das calidades da escrita literaria para os máis novos, Xesús Manuel Marcos demostra aquí até que punto sería errada e inxusta semellante crenza. Outrosí, saíbase desde xa, a fin dunda correcta valorización do antes expresado, que para lograr tal complexidade recorreuse ao uso dunhas personaxes das chamadas de configuración plana, desas que contan mínima evolución interior; pois aínda que a trama dispón situacións abondo traumáticas, moi cativa ou inexitente son os seus procesos degradores ou contrutores, agás, e só un bocadiño, nos casos de Martul e Proendos, as dúas personaxes máis complexas, as dúas do bando antagonista.
E velaquí, como continuaría, que non se publicará fora desta Ferradura, pois cando me decatei xa ultrapasara a miña cota verbal.
Téñase en conta que todo o que vimos de escribir versa sobre unha novela das chamadas de literatura infantil xuvenil. Repetimos. Dicímolo por se desde a literatura de ficción para adultos se van collendo os pertinentes recortes. Esta segunda entrega de O Brindo de ouro, sen ser o que se di unha novela redonda-redonda, resulta un bo expoñente da riqueza que se pode achar nunha novela, sempre que o autor, cando a redacta, non queira transmitirnos a simpleza de que unha novela só é unha historia e máis nada. De non estar tan repartida en nichos, esta segunda entrega de O Brindo de Ouro, de seguro optaría a ser a mellor novela de 2009. Moi convencidamente. Xosé Manuel Eyré.