
15 de dezembro de 2010
4 de outubro de 2010
18 de agosto de 2010
6 de agosto de 2010
O ESCONXURADOR EN MONFORTE DE LEMOS
1 de junho de 2010
12 de maio de 2010
FEIRA DO LIBRO DE LUGO

O domingo, 16 de maio, contra a unha da tarde, estarei na Feira do Libro de Lugo asinando exemplares do meu libro O ESCONXURADOR. Se queren, alí nos vemos.
3 de maio de 2010
A TÁBOA DA HOSPITALIDADE SEGUNDO X. M. EYRÉ

E velaquí, como continuaría, que non se publicará fora desta Ferradura, pois cando me decatei xa ultrapasara a miña cota verbal.
Téñase en conta que todo o que vimos de escribir versa sobre unha novela das chamadas de literatura infantil xuvenil. Repetimos. Dicímolo por se desde a literatura de ficción para adultos se van collendo os pertinentes recortes. Esta segunda entrega de O Brindo de ouro, sen ser o que se di unha novela redonda-redonda, resulta un bo expoñente da riqueza que se pode achar nunha novela, sempre que o autor, cando a redacta, non queira transmitirnos a simpleza de que unha novela só é unha historia e máis nada.
De non estar tan repartida en nichos, esta segunda entrega de O Brindo de Ouro, de seguro optaría a ser a mellor novela de 2009. Moi convencidamente.
Xosé Manuel Eyré.
28 de abril de 2010
O QUE REXEITO

En canto a unha poética miña, máis que unha serían varias, como é normal nun poeta de longa traxectoria e que non se imite demasiado a si mesmo. En por hoxe o único que direi é o que rexeito. Rexeito o idioma normativizado, homoxeneizado, dos que siguen os ditados normativos do Instituto da Lingua, da Real Academia e do Parlamento e Xunta de Galicia, impostos incluso ás obra de creación literaria donde máis se precisa conservar o sangre da Lingua vivida, a súa forma peculiar i o aroma de infancia e comarca. Teimei e teimo que sea válida tamén na escrita de creación a santa liberdade dos falantes. Igual que rexeito o Galego Oficial, rexeito a normativa reintegracionista oposta a el e non menos encorsetada e con olor a falsa e a non-patria. Ambas quitáronlle a color, o sabor e a aventura a moita da Literatura Galega Última i envenenaron ca súa teimosía o mundo literario con odios e marxinacións inda maiores que os existentes no partidismo político. E repito que non me opoño a un galego respetuosamente normativizado, eso si, con moita maior flexibilidade e que dea cabida ás peculiaridades e que poda ser asumido e sentido como patria común unidora e fortalecedora.
UXÍO NOVONEYRA.
27 de abril de 2010
POÉTICA OU O QUE NOS QUEDA DOS DEVANCEIROS

Quizaves a poesía sexa a única expresión enteira do home non relativizado nin
parcializado.
Quizaves por atender, por priorizar unha forma aguda de memoria, conserve, garde algo
da esperanza primeira, da vitalidade primeira, que leva a ebriedade do canto, e por estar
moi ligada a mocedade conserva aínda un alento de actuante entusiasmo.
Non cabe dúbida que a pasión poética ven de algo auroral e ten que ver coa paixón
erótica, co impulso comunal e coa herencia profunda, tanto do sangue como da cultura,
da lingua propia.
Memoria i herencia son expresiós da única permanencia e transmítennos unha forza que
rebasa o puro caudal individual.
A poesía é algo comunal é insumiso.
É un resto da índa non desmentida primeira, cega unidade; e por un intre pon o home ao
marxe do medo, inda dentro do medo, e salva como o amor.
É unha forma de comunión que tampouco está lonxe do mecanismo interior que
desencadea a emoción patriótica.
Todo poeta éo primordialmente da súa nación porque il é o ser da memoria inevitable,
gardadora e salvadora.
É o esclavo poseso da súa língua.
É a encarnación viva de esa língua, e nil volven cobrar alento, o alento que tuveron
nelas, as palabras e os xeitos da lingua de xeneraciós e xeneraciós pasadas que a falaron
e a fixeron única e así tal como é.
Por eso, quén non rexeita os frios manipuladores da língua de calquer índole? Os
deformadores da patria, os enlatadores da identidade?.
Porqué a lingua é sagrada, é o único que queda de tódolos nosos mortos, a única forma
de inmortalidade longa.
E o poeta é ou debe ser a encarnación viva desa língua.
E sabendoó ou sin sabelo con plenitude sempre fala en nome do seu pobo.
E calquera ao falar pode ser nise intre o poeta do seu pobo.
Claro que o falar pleno xa é o canto máisimo e como dixo aquil poeta tan famoso na
miña mocidade “solo a canción riba da terra é a que glorifica e festexa”.
UXÍO NOVONEYRA
18 de abril de 2010
EPOPEA DE AR CLÁSICO

11 de março de 2010
OBRA DE FANTASÍA DE GRANDE ALTURA

Xesús Manuel Marcos gañaba no ano 2004 o premio Merlín de literatura infantil e xuvenil coa obra O Brindo de Ouro I. A Chamada do Brindo, que ao ano seguinte recibía tamén o premio internacional The White Ravens. En marzo de 2006 Xesús Manuel Marcos estrea o seu blog Abellonenia, no que utiliza como pseudónimo Oluego (sóalles?) e onde avanza parte do primeiro capítulo desta segunda entrega da serie, pero aínda que hai que agardar tres anos máis, a calidade da obra ben paga a pena a espera. Mais este tempo non foi terreo ermo para o autor, que cultivou a novela e o relato con exitoso resultado. Momento prolífico para un escritor que vén de publicar a novela de intriga O esconxurador en Galaxia e que está a piques de presentar en Xerais O bebedor de rakia, protagonizada por un soldado galego en Bosnia.
Seguimos neste volume a historia do adolescente heroe Selmo, gardián do Brindo de Ouro, e do seu pobo os arxinas. Acompáñano Lombán (o lobo albino),o alobri Toimil, Oulego (o home salgueiro) e un mundo de personaxes lendarias (estrañas mulleres, animais extraordinarios...) que entroncan na súa natureza coa nosa tradición oral e coa “Galicia encantada” de Cunqueiro e Xosé Miranda. Os seus nomes de sonoridades evocadoras (Ildara, Morgaza, Oulego, Arvexa, Martul...) contribúen á creación dunha atmosfera atemporal e enigmática que fai crible a fantasía, e queda unha engaiolada de personaxes como as Barxas decididoras de todo canto acontece nas aldeas, durante longo tempo ocultadas mentres reciben o mestrado da sabedoría e da xustiza para ben administrar a vida dos arxinas.
E o libro é tamén unha novela de acción e aventuras, pero aínda que non pasase nada xustificaríase a súa existencia sópor ter a oportunidade de vivir a paisaxe recreada. Como manifesta o autor, o espazo do Brindo nace como un trasunto do Courel para logo medrar de maneira independente ata ser autónomo e contribúe a lle dar esa autonomía ao mundo da novela no sentido Tolkiano de mundo mitolóxico cunha entidade propia “real”. A obra entronca tamén coa xeografía da paisaxe oteriana, coa vivencia da paisaxe do de Trasalba. Épor istoque lugares como a Devesa da Rogueira, Abellonenia, Mogoxe, as Veigas de Valdavaraou o Pico de Brío xa teñen pasado a formar parte da nosa xeografía fantástica común.
En canto á interpretación global, como xa ben sinalou Montse Pena Presas en LG3, o camiño dos protagonistas adolescentes non é senón unha metáfora do“camiñar de toda unha colectividade”, unha metáfora de nós mesmos no noso avanzar como pobo e onde Selmo tamén sente a presión da responsabilidade na súa condición de bardo guieiro. Este volume vén de ser declarado obra finalista para os premios 2010 da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) na categoría de literatura infantil e xuvenil. Unha convocatoria que este ano se presenta bastante discutida, pois a colleita de 2009 foi moi boa, e nela vai ter que competir coas Ás de Bolboreta de Rosa Aneiros e con Agustín Fernández Paz, que desta volta está nominado dobremente por Lúa do Senegal e por Valados, haberá que agardar ata a Cea das Letras do 17 de abril.
O libro catívanos en toda as súas páxinas e ao rematar, co comezo dese inverno aberto ao amor e á aventura onde se singulariza a soidade do heroe devécese esa terceira entrega xa no forno. Non desaproveiten a oportunidade de ler esta Táboa da Hospitalidade, unha obra de fantasía de grande altura “para aqueles que gustan das historias fermosas”. Pilar Ponte.
Este texto de Pilar Ponte foi publicado en «Faro da Cultura», suplemento de Faro de Vigo, o xoves 11 de marzo de 2010.
20 de fevereiro de 2010
O BRINDO DE OURO II FINALISTA PREMIOS AELG 2010

Veño de enterarme de que o meu libro O BRINDO DE OURO II A TÁBOA DA HOSPITALIDADE figura como finalista dos Premios da AELG, na modalidade de Literatura Infantil e Xuvenil. Isto xa é un premio para o libro. Grazas.
16 de fevereiro de 2010
O ESCONXURADOR
Veño de publicar unha nova novela na Editorial Galaxia, que leva por título O ESCONXURADOR. Espero que lles guste.
Velaquí unha novela que arrecende a medo, intriga e pasado, tres dos mellores ingredientes para manter o lector preso a unha cadeira, co libro aberto diante dos seus ollos. Unha historia que tende pontes entre tempos e que deseguro te atrapará ata o final.
1 de fevereiro de 2010
NOVELA ARRISCADA E PODEROSA

29 de janeiro de 2010
AXENCIA LITERARIA GALEGA

A partir de agora, Natalia Dudek, da Axencia Literaria Galega, levará todos os meus asuntos relacionados coa escrita. Estou agradecido por permitírenme entrar a formar parte do grupo de escritores galegos que representan, e espero que isto sirva para promocionar tanto as miñas obras publicadas como as futuras.
24 de janeiro de 2010
LA SINAPSIS DEL CÓDICE

O documental de ficción La Sinapsis del Códice, do meu amigo Pablo Iglesias Rendo, estrearase o día 28 de xaneiro no Hostal dos Reis Católicos. Noraboa para Pablo. Mágoa non poder estar en Compostela para ir velo.
23 de janeiro de 2010
MODESTO TRIGO

Veño de visitar a exposición "Otra Mirada", do pintor, natural de Gundivós, Sober, Modesto Trigo, na Casa de Galicia en Madrid. Non o coñecía, e a exposición encantoume. Recoméndoa.
18 de janeiro de 2010
A TABOA DA HOSPITALIDADE NA RADIO GALEGA
No transcurso da semana do 25 ao 29 de xaneiro lerei e falarei do meu último libro, A TÁBOA DA HOSPITALIDADE, no Diario Cultural da Radio Galega.
Subscrever:
Mensagens (Atom)