14 de maio de 2009

17 DE MAIO

O galego que non fala
Na lingua da súa terra
Non sabe o que ten de seu
Nin é merecente dela.
(Da Vella Roseira. Victoriano Taibo)

12 de maio de 2009

¿POR QUE NON QUEREN O GALEGO EN GALICIA?

É a pregunta que lle fai un sorprendido cativo de Bos Aires a un dos nosos mellores escritores, Xosé A. Neira Cruz. Pego aquí o seu magnífico artigo. O que inqueda ao autor, igual ca min, é o motivo polo que tal pregunta non é formulada por ningún adolescente galego. A min tampouco ma fixeron en ningún colexio, en ningún instituto de Galicia, nin con preocupación nin sen ela. E se esa preocupación non existe nos que deben ser falantes da lingua no futuro, ¿que futuro queda?
Xosé A. Neira Cruz . Waterboarding . Cando os días mudan tristes, e un esperta coa estraña sensación de non dar saído, por máis que o intente, do pozo de mendacidade no que con máis frecuencia da aconsellable nos megullamos ou nos deixamos mergullar, un recurso feliz para coller aire antes de volver a sufrir o waterboarding cultural, é recuperar unha imaxe ou unha lembranza preñada pola semente dun futuro prometedor. Eis, pois, o meu esforzo de hoxe, a miña aposta, antes de que alguén volva turrar pola miña cabeza para dentro das augas escuras.Nesa imaxe ou lembranza, un rapaz de acusado sotaque porteño, faime unha pregunta en galego e sobre o galego. Estou en Bos Aires, nesoutra parte da Galicia esparexida, e o colexio Santiago Apóstol acolle unha miña intervención ante adolescentes que se educan en galego, castelán e inglés. “Por que non queren o galego en Galicia?”, pregúntame ese mozo, que non sei dicir se é necesariamente descendente de galegos, xa que arredor de min hai rapaces a me falar na nosa lingua con evidentes trazos étnicos que remiten a diferentes latitudes do mundo. Despois de responder cun optimismo necesario (porque moitas veces só a balsa do optimismo nos permite continuar a aboiar), sigo lembrando esa pregunta e esa voz. No taxi de regreso. Na soedade da habitación do hotel. Agora, aquí, mentres escribo e me pregunto se haberá algún adolescente nalgún centro de ensino de Galicia disposto a me facer a mesma pregunta con idéntica carga de sincera preocupación. Velaquí a dúbida previa ao inminente afogo.

29 de abril de 2009

A LÚA DOS EVERGLADES NO ANUARIO GRIAL

"En canto á calidade excepcional dunha obra como A lúa dos Everglades, de Xesús Manuel Marcos (Xerais, Premio Terra de Melide), deberá servirnos de chamada de atención a todos os axentes implicados na proxección da nosa literatura para vencer a invisibilidade que -por diversas razóns- padecen autores e autoras de baixo perfil público e que prexudica a difusión de obras como a citada, redonda coma poucas das publicadas este ano. Nela o autor emprende unha abordaxe orixinal do vello tema da emigración, demostrando que en literatura sempre é posible deitar unha ollada nova sobre asuntos aparentemente esgotados. Estruturada en tres planos diexéticos que avanzan nunha alternancia perfectamente equilibrada e que rematan por converxer, malia sucederen en lugares tan afastados como Miami, Buenos Aires ou Madrid, A lúa dos Everglades explora facetas pouco habituais do tema e que o insiren nos problemas da sociedade actual. A vellez, a violencia, a ambición, a soidade..., adquiren aquí un matiz de emoción e de urxencia que nace da pescuda no pasado e da intuición certa da proximidade da morte".

Dolores Vilavedra.

Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos 2007.

21 de abril de 2009

EFECTOS DA PRIMAVERA

Non é que sexa eu devoto de bandeiras, himnos e demais. Agora ben. ¿Imaxinan vostedes a algún Presidente, Ministro, Conselleiro, etc, dicindo que a bandeira que o representa (é un dicir) lle produce alerxia? Isto só o poden dicir algúns/unhas. Algúns/unhas que sinten que esa bandeira non os representa, craro. Que lles é allea. A deles/as é outra, e non a que tiña alí posta o seu antecesor.