8 de abril de 2006

A HARLEI

Formigueiros leu un día nunha viñeta como un personaxe de Forges dicía que, de saber o que era a vida aos vinte anos, tería mercado unha Harlei.
Formigueiros pensou se a podería mercar agora. Repasou a lista de bens hipotecados: casa, coche... Algúns amigos tiñan ata as vacacións hipotecadas. Pensou no da hipoteca porque, nestes tempos, moitos dos soños terminan precisamente alí, nunha fría e gris sala de subastas. E non había fuxida, abondaría cun varrido dos seus satélites para saber onde estás.
Supoñamos que poidera facer un esforzo. Formigueiros botou unha ollada á súa prominente barriga, á súa calva, agora que case todo se reducía a unha cuestión de imaxe. ¿Colleríalle o bandullo no asento? Resoprou vendo algunha película de moteiros: cazadoras de coiro, cabelo longo, ata barrigas prominentes. Non había problema.
Seguinte paso: compañeira de viaxe. ¿A quen facerlle A PREGUNTA: ¿deixaríalo todo e virías comigo na miña Harlei? Preguntoulle á muller, que, como as de Forges, estaba a ler un libro. A muller lembroulle a existencia dos fillos. ¡Os fillos, non pensara neles! (Cada novo fillo é un cravo no ataúde da túa libertade, dixo un día nun capítulo o sabio Homer Simpson). Antes traían un pan baixo do brazo. Agora traen un GPS no cu. Buscou solucións de urxencia: avoa, etc. Podería ser unha solución temporal. Vale, veña.
Desbotou unha fuxida definitiva, iso de rachar con todo e deixar que o cabelo medrase ata os xeonllos. A cousa podía quedar nuns días, unha fin de semana desas nas que as serras se enchen de turistas con bocatas de chourizo e empanada de carne. Formigueiros comezou a sentirse como un deses cans amaestrados que eran paseados polo parque e só se desquitaban do encerro no claustrofóbico pisiño cagando no céspede.
Chegou o INTRE supremo, sentado na súa Harlei hipotecada, cos euros contadiños para a carísima gasolina, coa muller meténdolle man nas costas e aloumiñándolle o peito imaxinando novidades lonxe da rutina: ¿Cara a ónde? ¿Quedaba algún lugar descoñecido, misterioso, máxico? Como diría Joseph Conrad, ¿quedaría na Terra algún lugar non terrenal, acostumados como estamos a ver a terra baixo a forma encadeada dun monstro dominado? ¿Quedaría algún lugar monstroso e ceibe?
Formigueiros deuse por vencido. Meteuse na cama, deulle por soñar. Ata que, unha noite inqueda, sentiu un vento fresco na cara e a súa man no acelerador a abrir gas. Quizais non estivese todo perdido. Quizais aínda non fose tarde...

2 comentários:

Anónimo disse...

...para pousa-lo cú na Harlei e fuxir en liña recta, todo liso, e veña de fronte, sen mirar para atrás; ata que voltou xusto donde saíra, porque adoquín, cabeza algo máis valeira de pelo, o mundo e a vida son redondos, e todo volve ó seu ser.

XESÚS MANUEL MARCOS disse...

Para ex noivas encabuxadas xa non hai sitio na Harlei...