8 de maio de 2006

TEORÍA DO CAOS OU O MUNDO SEGUNDO AUSTER

Librei por centímetros. Puxen o pé na beirarúa e andei ata a porta do enderezo que tiña por destino, e dous metros máis adiante, un coche descontrolado esnafrouse contra a parede do edificio. Non me esmagou por eses dous metros, a distancia entre saír ileso ou pasar á posterioridade e sen un fermoso cadaleito, precisamente.
Deume daquela por pensar que invisible fío foi turrando de min para retrasar a miña saída. Por que xusto cando ía saír da casa chamaron por teléfono (a publicidade), por que non obviei o semáforo cando o fago decote, por que me demorei atravesando o parque (acababa de chover, gosto do recendo da terra mollada), por que parei para ver unha foto nunha marquesina da parada do autobús (outra vez a publicidade), un fío que me fixo poñer o pé dous metros antes dunha morte sen sentido. Tamén pensei que invisible fío empurrou ao conductor do coche para non coincidir comigo, por que non o retrasou un semáforo, ou un atasco, uns cativos ou un vello a cruzar polo paso de cebra...
Hai sete anos, xusto na mesma data e camiño de Galicia, entrei demasiado rápido nunha volta da estrada branquísima de saraiba. Derrubeime dando voltas de campá monte abaixo interminables metros, ata que, co coche esnaquizado, parei xusto nunha árbore, a única árbore que había. Se non tivese parado alí, abríase un precipicio picafondo ata o río de máis de cen metros. Parei. O coche esnaquizado, e só o meu habitáculo intacto. Nin unha rabuñadela. Xusto na mesma data.

2 comentários:

acedre disse...

Pois os seguintes oito de maio millor que quedes na cama.
Un saudo.

Veloso disse...

Alégrome de que o teu anxo da garda sexa tan eficiente no seu labor. Un saúdo.