25 de abril de 2008

PROXECTOS E NOVAS OBRAS

Poño o punto final á versión case definitiva da primeria das catro novelas da que vou chamar Tetraloxía da Apocalipse, na que escribirei sobre a guerra (non a Guerra Civil española, senón outra tan dura ou máis que a española), a fame, a morte e a enfermidade. A primeira, sobre a guerra, está, como digo, practicamente rematada. Agora, debe repousar. Logo, volverei para darlle algún retoque. ¿Enviareina a algún concurso? ¿Haberá valor de premiala, xa que é unha novela moi, moi dura? ¿Haberá valor de publicala? Xa veremos...
Agora, as derradeiras correccións doutro proxecto a piques de rematar. E logo, agárdame un bo pilote de documentación (por riba, a maioría escrita en inglés, o que esixirá moito máis esforzo) para ler e utilizar nun novo libro de aventuras para mozos de doce a cento vinte anos, no que traballarei todo o verán. Imos alá...

2 comentários:

folerpa disse...

Mimadriña! Unha tetraloxía! Moita sorte na angueira!

XESÚS MANUEL MARCOS disse...

É unha vella teima escribir algo coa base destes catro temas, sen outro punto en común máis ca este (personaxes distintos, épocas históricas diferentes, etc). Algunha novela xa está bastante adiantada. O problema é a miña preguiza crónica (e as dúas fillas que atender). Falta me facía a súa enerxía, señor das alfaias. E agora que vén o bo tempo, no canto de ter ganas de sentar o cu só teño ganas de ir percorrer monte. Mágoa dunha lotería para pedir excedencia...