10 de junho de 2006

HANDKE TAMÉN REXEITA UN PREMIO

Santiago Jaureguizar comenta no seu blog a renuncia dun escritor a un importante premio das letras portuguesas. Hoxe leo tamén que Peter Handke ven de rexeitar o premio Heinrich Heine pola súa obra. A concesión deste premio foi moi criticada, dadas as opinións sobre Serbia e Milosevic de Handke, o cal asistiu ao enterro do ex presidente e tomou nel a palabra.
¿Que opinan vostedes sobre o tan coñecido tema da vida/obra do escritor? ¿Concordan vostedes co que dicía Henry Miller de que pouco importaba que un escritor fracasara como home se triunfaba como escritor? Opinen, por favor.

3 comentários:

Mr Tichborne disse...

Como xa discutimos en persoa, quédome en trunfar como home, mais son dúas vertentes que van unidas, cos seus éxitos e fracasos. Como lector, insisto, non deberiamos saber nada do escritor, nin a foto da contracapa, nada, mais isto é unha utopía na era da imaxe e o xuizo doado.
Por certo, xa recibín os teus libros, moitas gracias! O meu vai tardar ainda un chisquiño, pero chegará.

Veloso disse...

A frase de Miller paréceme unha elegante e vistosa arroutada. En xeral, creo que hai escritores que teñen a mala sorte de ser moi coñecidos pola súa vida e non pola súa obra. Canta xente hai que xulga a Cela ou Umbral polo seu carácter repelente e non polos seus magníficos libros? No noso particular paisiño, hai uns meses asistimos a unha desafortunada polémica en que se empezaba falando da obra literaria de Xosé Carlos Caneiro e se acababan dando opinións sobre a persoa do escritor de Verín, cousa que me parece intolerable e de moi mal gusto. O ideal sería, para a miña idea, que o mundo da Literatura se reducise a dous actos ben simples e fermosos: ler e escribir. Todo o demais (tertulias, congresos, conferencias, presentacións, etc.) pode ser bonito e mesmo ás veces enriquecedor, pero non ten nada que ver coa Literatura. Un saúdo.

Oulego disse...

De acordo. O interese pola vida privada dos escritores non é máis ca outro síntoma do tipo de sociedade do rexoubeo na que vivimos.
Un bo exemplo está a ser o dos premios Xerais deste ano. Agroman críticas e ata sospeitas por todos os sitios, e ós libros aínda lles faltan meses para saír á rúa. As críticas van contra os autores e contra a editorial, críticas de todo tipo, que si operación comercial, que si os xurados só obedecen consignas. Mais, de literatura, nada. Cando recibín o Merlín, Bragado nin me coñecía. E os membros do xurado, tampouco. Eu fun xurado algunha vez, e se algo hai limpo, de momento, neste mundo, é o dos xurados. Premian o que lles gusta, e acabouse. Xa non sei se é envexa ou o que. Cando saian os libros, que se fale deles con argumentos literarios, e se deixe de botar lixo sobre todo.