12 de maio de 2009

¿POR QUE NON QUEREN O GALEGO EN GALICIA?

É a pregunta que lle fai un sorprendido cativo de Bos Aires a un dos nosos mellores escritores, Xosé A. Neira Cruz. Pego aquí o seu magnífico artigo. O que inqueda ao autor, igual ca min, é o motivo polo que tal pregunta non é formulada por ningún adolescente galego. A min tampouco ma fixeron en ningún colexio, en ningún instituto de Galicia, nin con preocupación nin sen ela. E se esa preocupación non existe nos que deben ser falantes da lingua no futuro, ¿que futuro queda?
Xosé A. Neira Cruz . Waterboarding . Cando os días mudan tristes, e un esperta coa estraña sensación de non dar saído, por máis que o intente, do pozo de mendacidade no que con máis frecuencia da aconsellable nos megullamos ou nos deixamos mergullar, un recurso feliz para coller aire antes de volver a sufrir o waterboarding cultural, é recuperar unha imaxe ou unha lembranza preñada pola semente dun futuro prometedor. Eis, pois, o meu esforzo de hoxe, a miña aposta, antes de que alguén volva turrar pola miña cabeza para dentro das augas escuras.Nesa imaxe ou lembranza, un rapaz de acusado sotaque porteño, faime unha pregunta en galego e sobre o galego. Estou en Bos Aires, nesoutra parte da Galicia esparexida, e o colexio Santiago Apóstol acolle unha miña intervención ante adolescentes que se educan en galego, castelán e inglés. “Por que non queren o galego en Galicia?”, pregúntame ese mozo, que non sei dicir se é necesariamente descendente de galegos, xa que arredor de min hai rapaces a me falar na nosa lingua con evidentes trazos étnicos que remiten a diferentes latitudes do mundo. Despois de responder cun optimismo necesario (porque moitas veces só a balsa do optimismo nos permite continuar a aboiar), sigo lembrando esa pregunta e esa voz. No taxi de regreso. Na soedade da habitación do hotel. Agora, aquí, mentres escribo e me pregunto se haberá algún adolescente nalgún centro de ensino de Galicia disposto a me facer a mesma pregunta con idéntica carga de sincera preocupación. Velaquí a dúbida previa ao inminente afogo.

1 comentário:

Garrano disse...

En Galicia posibelmente serán menos os que se pergunten isto pois todos coñecemos a resposta ainda que non queiramos falar moito dela. En Galicia hai galegofobia, hai un odio, un repudio, un noxo inculcado e marcado a lume no escarnio supremacista dos que se cren culturalmente superiores ainda que só falen unha lingua. Iso é o que acontece en Galica, que a xenofobia cultural subxacente en moitos dos propios e tamén en moitos dos alleos estase a fecer cada vez máis evidente e menos disimulada. Coa mesma moitos tenden a falar disto como se fora un fenomeno inexistente ou simplesmente propio de persoas faltas de información, cando se trata dun prexuizo moi espallado en toda anosa sociedade. Este prexuizo ven sendo máis agresivo conforme procede as máis das veces dun problema de autoestima (individual e colectiva)que padeceron moitas persoas xa desde ben novas.

Mais de pouco vale combatela se non se identifica a sua causa e a causa e orixe deste problema está no supremacismo cultural español. Que tape as orellas quen non queira ouvir.