28 de novembro de 2007

ALFAIAS EN MADRID

Onte á noite, convidáronme a acudir á entrega dos premios Ala Delta e Alandar que convoca o Grupo Editorial Luis Vives. Alí tiven o pracer de coñecer ao gañador do Premio Ala Delta deste ano (con maniotas na man de tanto asinar exemplares pola mañá) e formar parte do fondo norte galego en apoio do noso autor, xunto con outro colega madrileño. Tamén coñecín a Ignacio Chao, traductor da obra premiada e con novas e maiores responsabilidades a partir de agora na editorial, o que o vai levar a ter que instalarse en Madrid. Nas estupendas instalacións do centro comercial de Príncipe Pío entregouse o premio, con dous andares do edificio ateigados de xente. Un lugar peculiar para este tipo de actos, afastado das habituais salas con cadeiras que eu esperaba atopar, con pantallas de plasma colgando de tellados e paredes nas que se proxectaban vídeos das obras gañadoras e desde as que se podía seguir a intervención dos autores, no caso de Marcos S. Calveiro templada, sen chisco de nervos e moi aplaudida, na que reiterou o exclusivo compromiso coa literatura e a súa propia obra. É unha alegría para min que un autor galego triunfe neste mundo tan complicado, e estou seguro de que, dado o talento de Marcos S. Calveiro, isto non é máis que o comezo.

4 comentários:

Veloso disse...

Soa realmente espectacular. Alégrome moito por Marcos. Estou seguro de que aínda lle ha de dar moitos máis días de festa á Literatura Galega. Graciñas pola excelente crónica.

folerpa disse...

Foi un auténtico pracer contar con vós, mágoa dun chisco máis de tempo para falar devagariño. Outra vez será.

ameixeiro disse...

Foi mágoa que marchases tan pronto, aínda que eu tampouco non puiden quedar moito, que no outro día había que madrugar.
Chámote un día para tomarmos unha cervexa. Pásao ben pola Terra estes días na presentación-festa d'A lúa dos Everglades'.

Oulego disse...

Sorte a vosa que non tedes tantas obrigas. Eu tiña que volver para pasar revista e facer a primeira imaxinaria.